O CONCELLO ADXUDICA CATRO OBRAS PARA O NOVO PARQUE NA PRAZA DA CONSTITUCIÓN, MELLORAS NO FIRME EN DÚAS PARROQUIAS E ALUMEADO

O Concello de Vilalba adxudicou catro obras que comezarán nas próximas datas para a posta en marcha do novo parque da praza da Constitución, a renovación do alumeado en seis rúas do casco urbano e a mellora de dous viais en Oleiros e Uceira.

Un dos proxectos servirá para a creación dun novo espazo de xogos infantís e biosaudables para humanizar os parterres existentes na parte oeste da praza da Constitución.

Para a posta en marcha deste novo espazo de lecer, proponse o acondicionamento da explanada actual, colocando un pavimento amortiguador de seguridade e un novo céspede artificial. Haberá unha zona de escalada, unha pista multideporte e un samborí. Ademais, colocaranse aparatos biosaudables, cuxos modelos escollidos permiten mellorar a condición física. As obras adxudicáronse por 48.272,95 euros.

En Oleiros, haberá traballos para renovar con aglomerado en quente e sinalizar a vía de titularidade municipal 065-010, entre a estrada provincial LU-P-6510 e o límite municipal con Cospeito. O orzamento é de 48.337,36 euros.

O concello adxudicou ademais por 45.980 euros a renovación do firme no vial municipal que atravesa en dirección norte as parroquias de Sancobade e Goiriz, incluído o barrio de A Uceira, dende a estrada LU-120. Esta vía é o percorrido natural da veciñanza destes núcleos de poboación

Por último, adxudicáronse por 109.317,78 euros as obras para o proxecto de eficiencia enerxética e renovación do alumeado público con tecnoloxía LED en seis rúas do casco urbano.

En concreto, a actuación será nas rúas Campo de Puente, Muras, Foz, nos arredores da estación de autobuses, Campo Redondo, Corvite, unha parte da travesía Terra Chá e a rotonda do polígono.

Os traballos suporán a renovación de 203 puntos de luz e, grazas á tecnoloxía LED, o aforro enerxético será do 80%, rebaixando ademais de forma considerable a contaminación lumínica e as emisións de CO2.

“Son catro obras moi importantes para os veciños e veciñas, tanto no casco urbano como nas parroquias, e ademais aforramos na adxudicación máis de 64.000 euros con respecto ao prezo máximo de licitación”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

2 de Xuño de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies