O REGULAMENTO DO COMEDOR DA ESCOLA INFANTIL IRÁ AO PLENO DE MAÑÁ

O servizo entrará en funcionamento este mesmo curso, xestionado polo concello

O grupo de goberno do Concello de Vilalba levará ao pleno municipal de mañá, xoves 25 de marzo, o regulamento do comedor da Escola de Educación Infantil e a proposta de acordo sobre o establecemento do prezo público, co obxetivo de que o servizo entre en funcionamento este mesmo curso.

O Concello anunciou en 2020 a súa decisión de asumir a xestión do comedor, pero ata o de agora non puido facerse efectiva polo proceso adminsitrativo, xa que estaba pendente a sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia.

Despois de varios meses de xestións, “o expendiente está listo para que o servizo entre en funcionamento o antes posible”, asegura Marta Rouco, concelleira de Servizos Sociais de Vilalba. A Xunta financiará 2,50 euros de cada menú, correspondéndolle o resto ao concello. Os prezos variarán entre a gratuídade e os 4,50 euros, en función da renda familiar.

A proposta de acordo para o establecemento do prezo público recolle exactamente as mesmas escalas de renda e prezos que aplica a Xunta en todos os comedores escolares que xestiona, de xeito que os usuarios do comedor da Escola de Educación Infantil pagarán o mesmo prezo que nos comedores de calquera outro centro escolar.

Por outra parte, na sesión debatirase unha moción do grupo de goberno na que demanda á Xunta de Galicia un sistema de financiamento xusto para xestionar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

A Xunta leva 10 anos aportando a mesma cantidade para o servizo, a pesar de que o prezo por hora incrementouse unha media de cinco euros nesta década. As competencias son do goberno autonómico e, segundo recolle a lei, o seu traspaso ás entidades locais “deberá ir acompañado de transferencia dos medios económicos, materiais e persoais que resulten necesarios para o seu adecuado exercicio”.

No Caso do Concello de Vilalba, desde a última licitación do servizo, na que o prezo por hora pasou a ser de 15,26 euros, a aportación municipal incrementouse en más de 700.00 euros anuais.

Recentemente, a Xunta tivo “a xentileza” de incrementar o número de horas asignadas a Vilalba, ata as 189.912 horas anuais, pero co financiamento nos termos actuais é imposible que o Concello poida prestalas todas, repercutindo directamente sobre os cidadáns, que teñen que sufrir listas de espera.

“É unha competencia impropia que asumen os concellos e a situación é insostible para as finanzas municipais, consideramos que o servizo é unha prioridade para a Xunta ten que asumir a súa responsabilidade, temos que ofrecer unhas condicións dignas aos traballadores e os usuarios”, engade Marta Rouco.

24 de marzo de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies