VILALBA ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA A FINAL DO CAMPIONATO GALEGO DE FÚTBOL 8 NO ESTADIO MUNICIPAL DA MADALENA

“Unha cita que atraerá a preto dun milleiro de persoas á nosa vila, o que repercute directamente na actividade do comercio e a hostalaría local”, subliñou a alcaldesa, Marta Rouco

O Estadio Municipal da Madalena será a sede do fútbol 8 esta fin de semana coa celebración da final do campionato galego de fútbol 8 o sábado 24 de maio a partir das 11 da mañá.

Unha cita que congrega ás categorías inferiores (alevín, benxamín e prebenxamín) de 9 equipos galegos: CD Calasanz, UD Ourense, ED Val Miñor Nigrán, Victoria CF, RC Deportivo, RC Celta, AD Vila do Corpus, Fabril FC e EF Denis Suárez.

E que “atraerá a preto dun milleiro de persoas á nosa vila, o que repercute directamente na actividade do comercio e a hostalaría local”, subliñou a alcaldesa, Marta Rouco.

Rouco amosouse “moi agradecida e satisfeita porque sexa Vilalba a sede elixida para este evento deportivo que levará a centos de familias a desprazarse ata a nosa vila, o que se traduce nunha maior actividade económica e visitantes que coñecerán Vilalba e o seu encanto”.

A actividade no Estadio Municipal da Madalena comezará ás 11:00 horas do sábado 24 de maio coas semifinais da categoría prebenxamín, para logo dar paso ás semifinais de benxamíns e alevíns.

Pola súa banda, as finais e o terceiro e cuarto posto de cada categoría disputaranse pola tarde, dende as 15:30 horas ata as 17:30, cando se xogarán os últimos encontros antes da entrega de galardóns.

Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco quixo animar “a todos os veciños e veciñas a gozar deste encontro de fútbol base que encherá a nosa vila de ambiente e que converte a Vilalba no epicentro do fútbol 8 durante a fin de semana”.