A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de cultura, Mónica González, deron a coñecer as pregoeiras desta edición: as irmás Purriños, Yolanda e Inma; así como o autor do cartel: Eduardo Pérez Baamonde, pintor, ilustrador e muralista vilalbés
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Cultura, Mónica González, presentaron na mañá de hoxe as pregoeiras e o cartel das festas de San Ramón e Santa María 2025 na Casa da Cultura.
Nesta edición das festas patronais, as pregoeiras serán as irmás Purriños, Yolanda e Inma, dúas destacadas fotógrafas vilalbesas que colleitan importantes éxitos na súa carreira profesional; sumando numerosos recoñecementos nas cualificacións anuais da Federación Española de Profesionais da Fotografía e a Imaxe, así como varias nominacións aos Premios Goya.
Dende o Concello deron a coñecer tamén o cartel das festas patronais, deseñado e elaborado por Eduardo Pérez Baamonde. Un vilalbés, afincado en Cambados, que desenvolve unha meritoria traxectoria profesional como pintor, muralista e ilustrador; acumulando máis de 60 exposicións individuais da súa obra e acadando no ano 2018 o XXVII Premio Nacional de Pintura Antonio Arnau.
Os tres protagonistas da presentación, Yolanda, Inma e Eduardo, amosaron o seu agradecemento e sentimento de honra por formar parte da presente edición das festas de San Ramón e Santa María, cun papel tan destacado como o seu.
Ao tempo que dende o Concello puxeron en valor “a súa traxectoria e o orgullo que supón para nós que tres persoeiros vilalbeses, referentes nos seus ámbitos profesionais e cun forte lazo con Vilalba, se convertan nos protagonistas das nosas festas patronais” asegurou a alcaldesa, Marta Rouco.
Pola súa banda, a concelleira de cultura, Mónica González tamén se amosou “moi agradecida polas facilidades que tanto as irmás Purriños, Yolanda e Inma, como Eduardo Pérez, me brindaron para que esta proposta saira adiante”.
Finalmente, dende o Concello adiantaron que as festas patronais comezarán o venres 22 de agosto, coa tradicional xira campestre na Madalena, e estenderanse ata o domingo 7 de setembro, coa celebración da feira e o Día das Parroquias, no que esta edición a protagonista será San Xurxo de Rioaveso.
Así mesmo, confirmaron que a primeira semana de xullo se darán a coñecer máis detalles das festas de San Ramón e Santa María, que este ano volve organizar o Concello coa colaboración da Asociación cultural festas patronais de Vilalba para a elaboración do libro das festas e “outros aspectos nos que poidamos precisar da súa participación”.