As patronais arrancarán o 22 de agosto coa tradicional xira campestre na Madalena e estenderanse durante algo máis de 2 semanas ata rematar o domingo 7 de setembro co Día das parroquias
O Concello presentou hoxe nunha rolda de prensa celebrada na Casa da Cultura a programación de actividades das festas de San Ramón e Santa María 2025, que se celebrarán do 22 de agosto ao 7 de setembro.
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Cultura, Mónica González, deron a coñecer o cartel coa programación detallada por días das festas patronais, que arrancarán coa tradicional xira campestre na Madalena e a aposta polo talento local.
“Intentamos deseñar unhas festas patronais pensadas para todos e todas, con actividades para os máis maiores pero tamén para os nenos e nenas e para as idades intermedias; ogallá os nosos veciños e veciñas o reciban co cariño e o esforzo co que se elaborou esta programación”, asegurou a alcaldesa, Marta Rouco.
A concelleira de Cultura, Mónica González, que este ano asumiu a organización das festas de San Ramón e Santa María subliñou “o compoñente social e de cohesión das nosas festas patronais, unha data marcada en vermello no calendario de todos os vilalbeses e vilalbesas na que celebramos o orgullo do noso pobo e gozamos de reencontros e momentos inesquecibles”.
Finalmente, Mónica González quixo salientar que “a programación completa, con todos os detalles sobre horarios, localizacións e demais información irase dando a coñecer progresivamente e, por suposto, estará toda ela recollida no libro das festas no que estamos traballando arreo”.
PROGRAMACIÓN COMPLETA
DO 22 AO 24 DE AGOSTO
As festas patronais arrancarán coa tradicional xira campestre na área recreativa da Madalena. O venres 22 de agosto celebrarase a pre-xira coa actuación de DJs e grupos locais. A festa continuará na Madalena o sábado 23 de agosto, con sesión vermú e verbena a cargo do grupo Los Key e o grupo Límite.
O domingo, 24 de agosto, tocará despedirse do primeiro fin de semana das patronais co último día de xira campestre, no que se celebrará a sesión vermú alongada da man do grupo Da Silva.
DO 25 AO 31 DE AGOSTO
A semana do patrón arrancará coa volta á area recreativa da Madalena, onde se celebrará unha nova edición da xira da terceira idade, o mércores 27 de agosto, con comida popular e baile amenizado polo dúo Venus.
O venres 29 de agosto, coa saída dende a Praza da Constitución, celebrarase o Día da Bicicleta, organizado polo Espazo Xove de Vilalba e do que se irá desgranando toda a información durante os vindeiros días.
A previa ao día do patrón, o sábado 30 de agosto, terá como protagonista a quincuaxésima edición do Certame Literario, o concurso poético máis antigo de Galicia. Así mesmo, o Auditorio Municipal tamén acollerá a lectura do pregón que nesta edición correrá a cargo das irmás Purriños: Yolanda e Inma.
A xornada do sábado 30 de agosto despedirase coa actuación de Xosé Lois e Aliboria, quen darán paso á actuación nocturna aos mandos dos DJs Marcos Peón, Frisco e DJ Zalo.
O día de San Ramón, o domingo 31 de agosto, a xornada arrancará pola mañá cos pasarrúas a cargo dos grupos tradicionais de Vilalba, para logo celebrar a misa, a procesión e a sesión vermú coa orquestra Triunfo; quen tamén actuará na verbena xunto á orquestra New York. Na xornada do domingo non faltará o tradicional concerto da Banda Municipal de Vilalba.
DO 1 AO 7 DE SETEMBRO
A última semana de festas tamén arrancará forte, coa celebración do día de Santa María, o luns 1 de setembro. Ao igual que no día do patrón, a xornada comezará co pasarrúas dos grupos tradicionais de Vilalba e posteriormente celebrarase a misa, a procesión e a sesión vermú. A verbena do día da patroa estará amenizada polas orquestras Los Españoles e Panorama City.
Antes da fin de semana da feira, os protagonistas serán os nenos e nenas da vila, quen poderán participar nos días infantís que se celebrarán na Praza da Constitución o martes 2 de setembro, con Uxía Lambona e a Banda Molona, e o mércores día 3.
O venres 5 de setembro celebrarase a tarde-noite de foliada con diversos grupos pendentes de confirmar, entre os que xa está pechada a presenza de Noxo me das.
A última fin de semana das patronais celebrarase o Festival de Bandas “Pepe Guntín”, o sábado 6 de setembro, día no que a verbena correrá a cargo das orquestras La Nave e grupo Arizona. Ademais tamén se celebrará a carreira noctura do San Ramón.
Finalmente, Vilalba despedirase do San Ramón e Santa María 2025 o domingo 7 de setembro co día da feira e o día das parroquias, que nesta edición homenaxea a San Xurxo de Rioaveso. Na xornada do domingo tamén haberá pasarrúas cos grupos tradicionais de Vilalba, sesión vermú coa orquestra Metrópoli e tardeo cun DJ cuxo nome está pendente de confirmar.