O CONCELLO E O GRUPO ENTREPINARES RENOVAN A SÚA COLABORACIÓN PARA A PROMOCIÓN DE ACTIVIDADES LÚDICAS E RECREATIVAS

O acordo inclúe o financiamento dos días infantís das festas patronais, a festa de Samaín e diversas actividades nas parroquias e no casco urbano que se incluirán na programación de Nadal

O Concello e o Grupo Entrepinares veñen de anunciar a renovación do seu acordo de colaboración para, un ano máis, levar a cabo diversas actividades lúdicas e recreativas dirixidas a nenos e nenas na capital chairega.

Así o confirmaron no día de hoxe, logo dunha xuntanza mantida entre a alcaldesa, Marta Rouco, a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, o Conselleiro delegado de Entrepinares, Jose Manuel García Bejines e o director da fábrica en Vilalba, Javier Gato.

“Desde o Concello renovamos con ilusión este acordo que permitirá seguir ofrecendo actividades lúdicas e recreativas pensadas para os máis pequenos. Investir na infancia é investir no presente e o futuro do noso municipio, e esta colaboración faino posible” afirmou agradecida a alcaldesa, Marta Rouco.

O acordo de colaboración entre o Concello e o Grupo Entrepinares seguirá a liña da pasada anualidade. A empresa vallisoletana patrocinará os días infantís das festas de San Ramón e Santa María, que se celebrarán os días 2 e 3 de setembro con inchables, simuladores, festa da espuma e o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona.

“Estamos agradecidos de poder estar aquí un año más para renovar el acuerdo de colaboración para el patrocinio de las fiestas infantiles de Vilalba. Para Queserías Entrepinares es un orgullo contribuir a la sociedad, renovar este acuerdo y participar activamente con el Ayuntamiento en la preparación de las fiestas nos parece una responsabilidad con el entorno en el que estamos”, sinalou o Conselleiro delegado de Entrepinares, Jose Manuel García Bejines.

Ademais, o Grupo Entrepinares tamén financiará as actividades incluídas na festa do Samaín: inchables, túnel do terror, filloeiras de Muimenta e concurso de cabazas. Así como múltiples propostas incluídas na programación de Nadal do Concello de Vilalba: as festas infantís nas parroquias e a visita de Papá Noel; que incluirán inchables, obradoiros, música e doces, entre outras.

“Nuestra apuesta por Vilalba y en Galicia es clave y queremos seguir creciendo aquí. Para ello, necesitamos más personas para desarrollar los proyectos que vienen.  Del mismo modo, nuestra intención sigue siendo tener una presencia activa en la comunidad y con la sociedad vilalbesa y aportar entre otras cosas, con este acuerdo, que queremos que sea a largo plazo”, concluíu García Bejines.