O investimento permitirá mellorar a eficiencia e reducir o impacto ambiental das actuacións municipais.
O Concello de Vilalba vén de recibir un novo vehículo eléctrico multifunción, que se porá ao servizo das brigadas municipais co obxectivo de mellorar a eficiencia e a calidade dos traballos diarios que se realizan no municipio.
Trátase dun vehículo 100% eléctrico, con emisións cero de CO₂ e sen contaminación sonora, que contribúe á redución do impacto ambiental e á modernización dos medios municipais.
O novo vehículo destaca polas súas múltiples funcionalidades, xa que conta con depósito de auga, rampas de carga, sistema de baleirado tridireccional da caixa e convertidor de enerxía para o uso de ferramentas eléctricas, entre outras características que permitirán ampliar o seu uso a diferentes tarefas de mantemento e servizo público.
O investimento total ascende a 64.275,20 euros, financiado con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
A alcaldesa, Marta Rouco, subliñou que esta incorporación “é un paso máis na modernización dos medios municipais e na aposta por un modelo de servizo público máis eficiente, sostible e próximo á veciñanza”.
Así mesmo, destacou que “o obxectivo do goberno local é seguir dotando aos servizos municipais de ferramentas que melloren o seu traballo diario e repercutan nunha atención de maior calidade aos veciños e veciñas”.
Esta actuación enmárcase na estratexia do Concello para avanzar cara a unha Vilalba máis moderna, sostible e comprometida co medio ambiente, mellorando ao mesmo tempo a capacidade operativa dos servizos públicos.
