– Obradoiros no rural, mercado de Nadal, contacontos, maxia, deporte, música, actividades infantís e a tradicional cabalgata conforman unha proposta ampla que se completará con novos detalles nas vindeiras semanas.
O Concello de Vilalba, a través da Alcaldía e da Concellería de Infancia e Xuventude, presenta a programación do Nadal 2025–2026, unha proposta diversa, accesible e pensada para toda a veciñanza, tanto do centro urbano como do rural.
As actividades estenderanse do 1 de decembro ao 5 de xaneiro, combinando tradición, ocio, animación infantil, deporte e espazos de convivencia.
Durante a presentación, a alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “queremos un Nadal vivo, participativo, no que cada familia, cada neno e cada parroquia sintan que forman parte das festas. Fixemos unha programación ampla que combina tradición con novidades e que chega a todos os recunchos do municipio”.
A rexedora engadiu que “seguiremos detallando horarios e actividades específicas nas vindeiras semanas, porque eventos como o acendido de luces, a Feira do Capón, a programación especial de Fin de Ano ou a Cabalgata de Reis contarán con información ampliada e algunhas sorpresas que daremos a coñecer moi pronto”.
Obradoiros nas parroquias para iniciar o Nadal
A programación arranca cunha das novidades desta edición: cinco obradoiros de creación de decoración de Nadal con materiais reciclados. Serán totalmente gratuítos, sen necesidade de inscrición e abertos a toda a cidadanía. As sesións celebraranse de 17:00 a 20:00 horas en: Belesar, 1 de decembro; Santaballa, 2 de decembro; Carballido, 9 de decembro; Codesido, 10 de decembro; e Goiriz, 11 de decembro.
Acendido de luces e I Mercado de Nadal
O venres 5 de decembro terá lugar o acendido oficial das luces, cun concerto de Carolina Rubirosa e coa colaboración do Club de Loita de Vilalba para o prendido simbólico. Tamén haberá agasallos para os máis pequenos.
Ademais, a primeira fin de semana de decembro celebrarase o I Mercado de Nadal do Concello de Vilalba, na Praza de Santa María, con horario de mañá e tarde o sábado e o domingo, coincidindo ademais coa feira mensual, haberá baile no Centro Cultural co Dúo Venus.
Actividades para nenos e familias
A programación infantil inclúe:
Tradición, deporte e Nadal no rural
O domingo 21 de decembro celebrarase a tradicional Feira do Capón, cuxo programa detallado se anunciará proximamente. E Papá Noel visitará a Praza da Constitución o 24 de decembro a partir das 16:00, acompañado de inchables e diversión para os máis pequenos.
O Nadal tamén chegará ás parroquias con actividades infantís: o 26 de decembro, no CEIP Terra Chá (Román) e o 2 de xaneiro, no CEIP Monseivane (Lanzós).
O deporte tamén será protagonista coa X San Silvestre Vilalbesa, o 28 de decembro ás 16:00, con saída e chegada na Praza da Constitución.
O 31 de decembro haberá programación especial de Fin de Ano, cuxos detalles se darán a coñecer nas próximas semanas. E o 4 de xaneiro celebrarase un novo domingo de baile no Centro Cultural co Dúo Eclipse.
Cabalgata de Reis
O Nadal pechará o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis, que sairá ás 18:15 do campo da feira e visitará varias parroquias, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Nos vindeiros días anunciaranse tamén novidades e información adicional sobre o percorrido e acompañamento da comitiva real.
A alcaldesa concluíu subliñando que “esta programación busca crear momentos para compartir, para encher de vida as rúas e para seguir mantendo vivas as tradicións que nos fan únicos. Agardamos que as vilalbesas e vilalbeses desfruten dun Nadal cheo de luz, ilusión e boas experiencias”.
