A alcaldesa de Vilalba solicita á Consellería de Sanidade un cribado para previr contaxios nas datas de Nadal

A día de hoxe, hai 45 casos comprobados segundo datos do Sergas

Desde o Concello piden actuar con celeridade ante o aumento dos contaxios para detectar casos asintomáticos ou en período de incubación

Vilalba, 23 de decembro de 2021

A alcaldesa de Vilalba vén de solicitar á Consellería de Sanidade un cribado tras o incremento notorio de casos poucos días antes das datas clave do Nadal, que case duplicaron en menos de 24 horas, pasando de 24 a 45 positivos rexistrados a día de hoxe.

Segundo explicou a rexedora, «sabemos que hai preocupación veciñal polos casos que están saíndo», situación ante a que traslada «unha mensaxe de prudencia e responsabilidade» pedindo «ás persoas que están dando positivo nos test de antíxenos que se confinen».

A petición realizada ao Sergas vén motivada «porque estes días haberá reunións familiares e queremos previr, dentro das posibilidades existentes, a propagación do virus». Así, ofrecen á Consellería «todos os medios que temos no concello, colaboración e o que sea preciso para facer o cribado canto antes».

Nesta liña, lembran a necesidade de «seguir paso a paso as indicacións ante un caso positivo, e actuar con responsabilidade para frear unha posible cadea de contaxios».

Desde o concello agardan unha resposta de Sanidade acorde «ao momento que se prevé na localidade respecto aos contaxios».