A ÁREA RECREATIVA DA MADALENA ACOLLERÁ O I TORNEO DE FÚTBOL 3X3 SAN RAMÓN ORGANIZADO POLO CONCELLO

A competición, impulsada dende a Alcaldía e a Concellería de Deportes, disputarase do 20 ao 22 de agosto, con categorías mixta e feminina para maiores de 16 anos e inscrición gratuíta

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de deportes, Paula Vigo, veñen de anunciar a posta en marcha do I Torneo de Fútbol 3×3 San Ramón do Concello, unha cita deportiva que se celebrará do 20 ao 22 de agosto na pista de 3×3 situada na área recreativa da Madalena.

A competición contará con dúas categorías: mixta e feminina, ambas para persoas maiores de 16 anos, e ten como obxectivo impulsar a práctica deportiva e promover espazos de encontro e participación durante as festas patronais.

A inscrición é gratuíta e poderá formalizarse ata as 12:00 horas do xoves 14 de agosto a través dunha instancia xeral na Sede Electrónica do Concello ou no Rexistro Xeral. 

Na instancia xeral será necesario indicar: a categoría na que se inscribe o equipo; o nome do equipo; teléfono e correo electrónico da persoa responsable; nome, apelidos, DNI e data de nacemento de todas as persoas integrantes do equipo.

No caso de participantes menores de idade, tamén será preciso presentar autorización do pai, nai ou titor/a legal para participar, así como a cesión de imaxe.

O torneo precisará un mínimo de 8 equipos por categoría para celebrarse, cun máximo de 16 equipos inscritos. Cada equipo deberá estar formado por entre 3 e 4 xogadores/as. 

O sistema de competición adaptarase ao número final de equipos rexistrados, contando sempre cunha fase previa de round robin e unha fase final eliminatoria.

Haberá premios para os equipos campións, subcampións e terceiros clasificados en cada categoría, co fin de recoñecer o esforzo e incentivar a participación.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “con esta primeira edición do Torneo 3×3 San Ramón apostamos por incorporar unha proposta deportiva atractiva dentro do programa festivo, que fomente a participación da mocidade e o deporte ao aire libre nun entorno privilexiado como é a área recreativa da Madalena”.