A AULA DE ESTUDO DA BIBLIOTECA MUNICIPAL REABRE ESTE MÉRCORES TRAS UNHA RENOVACIÓN INTEGRAL

A reforma impulsada desde a Alcaldía moderniza completamente o espazo, que contará con novo mobiliario, mellora acústica e capacidade para 36 usuarios e usuarias

O Concello de Vilalba reabre este mércores, 20 de maio, a aula de estudo da Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz logo da reforma integral levada a cabo no primeiro andar do edificio, unha actuación que supón unha transformación notable das instalacións.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, visitaron hoxe as instalacións coincidindo coa finalización dos traballos.

A actuación forma parte do proxecto de remodelación integral do primeiro andar da Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz, impulsado desde a Alcaldía, e que permitiu reorganizar e modernizar completamente este espazo municipal.

A renovada aula de estudo conta agora cun deseño máis funcional e adaptado ás necesidades actuais dos usuarios e usuarias, incorporando novo mobiliario, melloras acústicas e unha iluminación específica para favorecer o estudo e a concentración. En total, o espazo dispón de 36 postos distribuídos en 6 mesas de estudo, todas elas con conexión directa á electricidade.

Ademais, instalouse un novo teito acústico para reducir a reverberación e mellorar o confort da estancia, así como luminarias LED que permiten unha iluminación máis eficiente e homoxénea.

A aula de estudo manterá o horario que xa viña prestando, de luns a venres entre as 8:00 e as 21:00 horas, ofrecendo así un servizo continuado para facilitar que os estudantes poidan empregar o espazo durante todo o día sen interrupcións.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “esta actuación supón unha mellora moi importante para un espazo moi empregado polos estudantes de Vilalba e por moitas persoas que utilizan diariamente a biblioteca”.

Rouco puxo en valor tamén “o feito de manter un horario continuado de 13 horas de apertura, sen interrupción ao mediodía, permitindo que os usuarios e usuarias poidan organizar o seu tempo de estudo con maior comodidade”.

Pola súa parte, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, explicou que “a reforma permitiu modernizar completamente unha instalación que precisaba adaptarse ás necesidades actuais, tanto desde o punto de vista funcional como do confort e da eficiencia”.

A actuación abrangueu preto de 150 metros cadrados do primeiro andar da biblioteca e permitiu tamén habilitar a nova aula Agustín Fernández Paz, un espazo de carácter expositivo e divulgativo que acollerá parte dos fondos persoais doados pola familia do autor ao Concello de Vilalba.

Os fondos bibliográficos terán que pasar un proceso de catalogación previo á súa exposición e posta en valor dentro desta nova aula dedicada á figura do escritor vilalbés.