A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE VILALBA LEVARÁ A CABO A INICIATIVA ‘SEMENTA GALEGO’ CO GALLO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O Concello de Vilalba informa dunha das actividades previstas co gallo do Día das Letras Galegas que se celebra, como sempre, o próximo mércores 17 de maio homenaxeando este ano 2023 a Francisco Fernández del Riego.

Baixo o lema “Sementa Galego”, a Biblioteca Municipal potenciará o uso do noso idioma ao tempo que animará á lectura cunha curiosa iniciativa.

Así, a todos os usuarios e usuarias, tanto infantís como adultos, que leven en préstamo libros en galego, entregaráselles o día 16 unha bolsiña de sementes, como simboloxía de que grazas aos libros non só se desenvolve un hábito e un amor pola lectura e a literatura, senón que tamén son claves para as competencias lingüísticas.

O obxectivo desta iniciativa é promocionar o préstamo de libros en galego e aumentar a rotación deste fondo.