A CASA DA CULTURA ACOLLE O PROGRAMA MADRES DA FUNDACIÓN MARÍA JOSÉ JOVE

O programa, cuxo obxectivo é reducir o risco de desestruturación persoal, laboral e familiar de mulleres soas con menores ao seu cargo, atende a máis de 20 mulleres

A Casa da Cultura de Vilalba acolle durante dúas semanas o Programa MADRES da Fundación María José Jove, cuxo obxectivo é reducir o risco de desestruturación persoal, laboral e familiar de mulleres soas con menores ao seu cargo.

«Unha oportunidade que non podiamos deixar pasar e coa que no Concello nos comprometemos dende o primeiro momento, pois supón un beneficio directo para as nosas veciñas, favorecendo a súa inclusión laboral, formativa e social» salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

Nesa liña, son máis de 20 as mulleres que participan na edición do proxecto levada a cabo en Vilalba. As usuarias son derivadas polos servizos sociais municipais de Vilalba e, na súa maioría, son nais a partir de 27 anos, de nacionalidade española ou estranxeira en proceso de regularización, que están soas e con fillos menores ao seu cargo.

O programa, que ampliou prazas para atender a demanda nesta localidade, recibiu esta mañá a visita da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; Jacobo Rey, director Xeral de Familia da Xunta de Galicia; Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove; Jaime Alfonsín, presidente de Fundación Iberdrola España; Teresa Rodríguez de Tembleque, Responsable Formación e Investigación – Acción Social Fundación Iberdrola España e Francisco Silva, delegado  institucional de Iberdrola en Galicia.

O programa non só favorece a inclusión laboral e formativa, senón tamén social a todos os niveis: con nenos máis escolarizados, participación en actividades socioculturais, maior coñecemento da contorna e os recursos sociais.