– A oferta municipal mantén unha ampla variedade de disciplinas deportivas, con preto de 700 prazas dispoñibles para diferentes idades e niveis
O Concello de Vilalba abrirá o vindeiro 10 de setembro o prazo de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais para o curso 2026-2027, un período que permanecerá aberto ata o 19 de setembro.
As Escolas Deportivas Municipais ofrecen unha ampla proposta de actividades pensadas para fomentar a práctica deportiva entre a veciñanza e facilitar o acceso ao deporte desde as idades máis temperás ata a idade adulta.
A oferta inclúe atletismo, baloncesto, fútbol campo, fútbol sala, judo, loita olímpica, tenis, tenis de mesa, triatlón, ximnasia rítmica, ioga, pilates, ximnasia de mantemento e iniciación deportiva. En total, a programación conta con preto de 700 prazas, distribuídas entre as diferentes disciplinas e grupos.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salienta que “as Escolas Deportivas Municipais son unha desas iniciativas que teñen un impacto moi directo no día a día das familias de Vilalba. Falamos de ofrecer alternativas para practicar deporte, pero tamén de crear espazos de convivencia, de relación e de adquisición de hábitos saudables”.
“Desde o Concello queremos seguir apostando por unha oferta deportiva ampla e diversa, na que cada persoa poida atopar unha actividade que se adapte aos seus intereses e necesidades”, engade a rexedora. “Temos a sorte de contar en Vilalba con moitas entidades e clubs que fan un traballo extraordinario no ámbito deportivo e, desde a administración local, debemos contribuír a que esa cultura deportiva siga medrando”.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Paula Vigo, destaca a variedade da programación para este novo curso. “Intentamos que a oferta das Escolas Deportivas responda á diversidade de persoas que queren facer deporte en Vilalba. Temos disciplinas máis tradicionais e outras propostas que permiten ampliar as opcións, tanto para nenos e nenas como para mozos, adultos e maiores”.
Dende o Concello animan á veciñanza a aproveitar o período de inscrición: “O deporte é saúde, pero tamén é diversión, compañeirismo e aprendizaxe. Queremos que as Escolas Deportivas Municipais sexan unha porta de entrada á práctica deportiva e que cada vez máis persoas atopen nelas unha actividade coa que desfrutar durante todo o curso”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco.
COMO REALIZAR A INSCRICIÓN
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición do 10 ao 19 de setembro por dúas vías: