O CONCELLO COMPLETA A REXENERACIÓN DO FIRME DA RÚA ROUCO VARELA E DA AVENIDA DE COSPEITO

As actuacións, cunha inversión de 35.000 euros, tamén incluirán a sinalización horizontal de ámbalas dúas estradas

O Concello vén de concluír os traballos de rexeneración integral do pavimento das rúas Bispo Rouco Varela e Avenida de Cospeito.

Unha actuación cunha inversión de 35.000 euros que incluíu a renovación da capa de rodaxe mediante unha capa de aglomerado en quente, que permite regularizar e impermeabilizar a calzada. Estando previsto que nas vindeiras datas a obra se complete coa sinalización horizontal da vía.

Pola súa banda, a Avenida de Cospeito tamén viu renovado o seu firme, no tramo entre a Rúa Foz e a Rúa Abadín, mediante o estendido dunha nova capa de rodaxe. Ao que se sumará a recolocación dos pozos de rexistro, arquetas e sumidoiros existentes, así como a sinalización horizontal da vía.

“Unha actuación que segue a liña do impulso dun novo modelo urbano, un proceso xa comezado o pasado mandato para humanizar os espazos públicos e renovar as infraestruturas municipais”, valorou a alcaldesa, Marta Rouco.

Nesa liña, a rexedora adiantou que “o vindeiro luns, 2 de xuño, darán comezo as obras de renovación integral da rúa Benxamín Paz, que incluirán a renovación e ampliación de beirarrúas, a repavimentación da estrada, a sinalización horizontal e vertical, a renovación da rede de alumeado e a colocación de árbores”.