O CONCELLO CONMEMORA O DÍA DA MULLER RURAL CUNHA MESA ABERTA E UNHA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA PARTICIPATIVA

A alcaldesa, Marta Rouco, presentou a programación organizada dende a Concellería de Igualdade para visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres no rural vilalbés.

O Concello, a través da Concellería de Igualdade, da que é responsable a alcaldesa Marta Rouco, presenta a programación co gallo da conmemoración do 15 de outubro, Día Internacional da Muller Rural, unha data na que se recoñece o papel esencial das mulleres no desenvolvemento social, económico e cultural da vida rural.

A programación inclúe dúas accións principais: unha mesa aberta de diálogo e unha exposición fotográfica participativa.

A mesa aberta celebrarase o mércores 15 de outubro, ás 20:00 horas na Casa da Cultura, baixo o título “Vilalba colleita igualdade”, e reunirá a mulleres con diferentes traxectorias e experiencias ligadas ao rural:

  • Rosa Arcos, presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR).
  • Lourdes Otero, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Insua.
  • Lupe Prado, da Asociación Agarimo de Mulleres Rurais de Santaballa.
  • Amanda López, secretaria da Asociación de Produtores Agroecolóxicos A Estruga.

Durante o encontro abordarase o papel da muller no rural galego e vilalbés, afondando nas circunstancias pasadas e presentes, así como nos retos de futuro para avanzar cara á igualdade real neste ámbito.

“Queremos recoñecer e poñer en valor o traballo, o compromiso e a forza das mulleres que manteñen viva a nosa terra. Elas son parte esencial da nosa identidade e do noso futuro”, destacou a alcaldesa, Marta Rouco.

Ademais, o Concello impulsa a iniciativa “Muller Rural: Revela a súa forza”, unha exposición fotográfica colaborativa na que poderá participar toda a veciñanza enviando imaxes de mulleres do rural vilalbés. As fotografías deberán remitirse ao enderezo ax.igualdade@vilalba.es entre os días 13 e 17 de outubro, indicando o nome completo da persoa remitente e un título ou breve descrición da imaxe.

As fotografías seleccionadas formarán parte dunha mostra que se instalará a finais de mes na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal, e que servirá como homenaxe colectiva a todas as mulleres que, dende o seu esforzo diario, contribúen ao desenvolvemento do rural e á preservación da súa esencia.

“Con esta exposición queremos que sexan as propias veciñas e veciños quen amosen o valor das mulleres do noso rural, da súa relación coa terra e coa comunidade, dende a súa mirada máis próxima e real”, engadiu Rouco.

O Concello anima a toda a cidadanía a participar nesta iniciativa e a sumarse á conmemoración dunha data que reivindica igualdade, recoñecemento e futuro para as mulleres do rural.

INSTRUCIÓNS PARA PARTICIPAR NA EXPOSICIÓN “MULLER RURAL: REVELA A SÚA FORZA”

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poderán enviar as súas fotografías do 13 ao 17 de outubro ao enderezo electrónico ax.igualdade@vilalba.es, indicando no correo:

  • O nome completo da persoa que remite a imaxe.
  • O título ou unha breve descrición da fotografía.

As imaxes recibidas formarán parte da exposición “Muller Rural: Revela a súa forza”, que se instalará na sala de exposicións do Auditorio Municipal a finais de mes. Co obxectivo de garantir a mellor calidade na mostra, recoméndase seguir as seguintes indicacións:

  • Calidade: enviar o ficheiro orixinal coa máxima resolución posible. Evitar imaxes descargadas de WhatsApp ou recortadas.
  • Formato: preferiblemente JPG ou PNG.
  • Orientación: aceptaranse fotografías tanto en horizontal como en vertical.
  • Luz: asegurarse de que a imaxe teña boa iluminación e non estea escura nin movida.