O CONCELLO DE VILALBA ACOLLEU DOUS RELATORIOS SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO E A VIOLENCIA VICARIA NO MARCO DO PROGRAMA DO 25-N

O Concello de Vilalba deu continuade na xornada de onte ao seu programa para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o próximo 25 de novembro. Os relatorios de Noelia Miguez, quen plasmou a súa experiencia como vítima de violencia de xénero nun libro, e de Cristina Pérez Salgado, sobre a violencia vicaria, foron os dous eventos do pasado venres.  

Dunha banda, celebrouse a primeira das conferencias previstas dentro da Escola de Igualdade de Vilalba. O relatorio correu a cargo de Cristina Pérez Salgado, delegada de Violencia de Xénero do Colexio de Avogados de Lugo. A conferencia, baixo o título “Que é a violencia vicaria?”, afondou sobre este tipo de maltrato que ten como obxectivo facer dano á muller a través dos seres queridos, especialmente dos seus fillos e fillas. 

Os relatorios deste tipo continuarán o vindeiro sábado 19 de novembro, coas conferencias de Sergio Orduiña Alonso, “Violencia de xénero en relación cos menores”; e de Verónica Marcos Arrojo, “As mulleres rurais fronte a violencia machista”.  

Doutra banda, Noelia Miguez relatou o seu duro testemuño ao alumnado do IES Basanta Silva. A relatora foi vítima de violencia de xénero e co-autora do libro ‘Ocho señales: cuestión de vida o muerte’. 

Noelia recibiu oito puñaladas por parte da súa parella, ao que se suma o maltrato previo que tamén trata na súa obra. A escritora decidiu plasmar a súa historia neste libro, no que dá visibilidade a este tipo de violencia e control sobre as mulleres.  

Dende o Concello de Vilalba agradecen a presentación de Noelia, agardando que sirva de reflexión para a rapazada vilalbesa.  

As actividades desta fin de semana complétanse coa obra de teatro “As que limpan”, que se representa este domingo, 13 de novembro, ás 19:00. As entradas á representación, no Auditorio Municipal de Vilalba, é de balde.  

Baixo o lema “A meta, a igualdade. O feminismo, o camiño”, o Goberno local propón unha ampla variedade de actividades, que continuarán durante todo o mes de novembro.