O CONCELLO DE VILALBA PON EN MARCHA OS OBRADOIROS EN MATERIA DE IGUALDADE NOS CENTROS EDUCATIVOS

O Concello de Vilalba comezou a impartir os Obradoiros en materia de Igualdade e contra as violencias machistas para os nenos e nenas dos centros educativos do municipio.

Os alumnos de 5.º e 6.º de Primaria do CEIP Monseivane foron os primeiros en acoller onte estes talleres, que hoxe tiveron continuidade tamén no CEIP Mato Vizoso cos escolares de 5.º Primaria (os de 6.º de Infantil será o xoves 19).

Nos próximos días a actividade levarase a cabo tamén nos CEIP Terra Chá, así como o IES Santiago Basanta Silva e o Antonio Insua Bermúdez.

Nestes obradoiros cos escolares trabállase no análise da estrutura de sexo-xénero e as consecuencias que para a infancia ten a transmisión destes valores. Ademais, ensinarase aos rapaces e rapazas a ser críticos coa realidade establecida e a ver as desigualdades que están ao seu redor, analizando a linguaxe desigual, os estereotipos, a falta de corresponsabilidade doméstica e os medios de comunicación.

Entre os obxectivos está tamén prestar especial atención a traballar a valorización das mulleres da propia familia do alumnado.

Esta actividade forma parte do compromiso do grupo municipal de Vilalba coa Igualdade e contra as violencias machistas sustentado sobre o seu III Plan de igualdade entre Mulleres e Homes (PIOMH), unha folla de ruta que sinala a educación e a formación en igualdade como un dos seus principais piares para erradicar datos como os dos dous últimos meses, nos que a cifra de mulleres asasinadas se elevou ata os 15 casos en España.