O Concello de Vilalba renova o alumeado público na Cotoriña, sita na parroquia de Insua

O goberno aproba a instalación das luminarias e a modificación do cadro eléctrico, cun custo total de 20.000 euros
“Realizarase unha mellora baseada en criterios de sustentabilidade para incrementar a seguridade e benestar da veciñanza da zona”
 
Vilalba, 5 de maio de 2020
 
O Concello de Vilalba instalará un novo alumeado público na Cotoriña, na parroquia de San Bartolomeu de Insua, coa colocación de puntos de luz con 15 luminarias led e a modificación do cadro existente. A actuación nesta parroquia ten un custe total de 20.041,23 euros, perseguindo unha mellora na eficiencia enerxética co alumeado exterior.
O goberno local determinou como “imprescindible” esta mellora nun dos moitos núcleos rurais de Vilalba, cumprindo coa obriga da entidade local de dotar de servizos á veciñanza “especialmente naquelas zonas que máis o precisan”, aseverou o edil de infraestruturas, Luis Fernández.
A finalidade desta actuación de alumeado exterior na Cotoriña sinala cara a mellora “das condicións de seguridade e calidade de vida das persoas que viven ou transitan esta zona da parroquia de Insua”. Ademais, os criterios a seguir para garantir a sustentabilidade seguen as recomendacións de CEI e IDAE, “para que a rede de alumeado público exterior sexa sostible” e estea protexida contra os efectos das sobreintensidades (sobrecargas e curtocircuítos) que podan presentarse.
Fernández subliñou que “estamos encargando proxectos para a realización de máis obras nas parroquias co obxectivo de mellorar tanto as instalacións como os accesos, plenamente conscientes das moitas necesidades que ten o noso rural” afirmou, engadindo que “trataremos de responder na medida das nosas posibilidades”.
 
PROXECTO
https://www.flipsnack.com/concellovilalbainsua/proxecto-alumeado-exterior-cotori-a-insua-1.html