Permitirán un control permanente do espazo, conectado 24 horas coa Policía Local, e ofrecerán maiores garantías ás persoas usuarias deste aparcadoiro público.
O Concello vén de instalar catro cámaras de vixilancia no aparcadoiro subterráneo da Praza da Constitución co obxectivo de mellorar a seguridade e ofrecer unha maior tranquilidade aos veciños e veciñas que fan uso destas instalacións municipais.
Dúas das cámaras estarán destinadas ao control e vixilancia do espazo, estando conectadas de forma permanente coa Policía Local, o que permitirá reforzar a seguridade neste punto estratéxico do centro urbano e actuar con maior rapidez en caso de calquera incidencia ou acto vandálico sobre os vehículos estacionados.
As outras dúas cámaras realizarán lectura automática de matrículas e control do tempo de estacionamento. De xeito que facilitarán a xestión do espazo e garantirán unha rotación axeitada de vehículos, para que o aparcadoiro poida ser empregado por un maior número de veciños e veciñas ao longo do día.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, explicou que esta actuación responde á vontade do goberno local de “mellorar a seguridade dos espazos públicos e ofrecer servizos municipais cada vez máis eficientes e cómodos para todos os vilalbeses”.
“Queremos que quen aparque neste espazo o faga con total tranquilidade. Estas novas cámaras permitirán previr incidencias e actuar de inmediato se se produce algún tipo de problema. É un paso máis para facer de Vilalba unha vila segura, moderna e mellor conectada”, destacou Rouco.
A rexedora engadiu que “as cámaras reforzan a confianza no uso dun espazo moi empregado pola veciñanza e polos visitantes”, incidindo en que “o obxectivo do Concello é garantir a seguridade e o bo uso dun servizo público moi demandado”.
Con esta intervención, o goberno municipal continúa avanzando na modernización das infraestruturas urbanas e na mellora dos servizos municipais, apostando pola seguridade, a eficiencia e a comodidade no día a día dos veciños e veciñas de Vilalba.