O CONCELLO RENOVARÁ AS INSTALACIÓNS DO PARQUE INFANTIL DA RÚA DA EMIGRACIÓN CO OBXECTIVO DE INTEGRALO NO ENTORNO URBANO E AXUSTARSE Á NORMATIVA VIXENTE

As obras a realizar incluirán a instalación dunha corda tirolesa de 25 metros de lonxitude e a construción dun novo espazo para o lecer da veciñanza

O Concello de Vilalba anuncia unha das próximas actuacións que realizará no casco urbano da vila: a renovación das instalacións do parque infantil localizado na Rúa da Emigración.

As obras, que supoñerán a colocación dunha corda tirolesa de 25 metros de lonxitude, faranse co obxectivo de «integrar as instalacións no entorno urbano e axustarse á normativa vixente», segundo explicou a alcaldesa, Marta Rouco, que tamén sinalou que «grazas á redistribución do espazo a veciñanza disporá dun novo emprazamento para o lecer dotado de bancos asentados sobre chan de formigón».

Así mesmo, Rouco salientou que se trata dunha acometida «que busca proporcionar a máxima seguridade posible aos nenos e nenas no seu espazo de xogo». E para iso, o Concello de Vilalba procederá á demolición e retirada do actual pavimento amortecedor e ás soleiras de formigón que conforman a súa base, para logo instalar un novo pavimento de seguridade «con acabado de céspede artificial, que se integrará á perfección co céspede natural da contorna», apuntou a rexedora vilalbesa.

A ditas modificacións, súmase ademais a reparación e reinstalación dos xogos existentes, que se complementará co cambio de localización do mobiliario co que conta actualmente o parque infantil. Deste xeito, a instalación adaptarse á nova estrutura prevista e facilitarase o acceso aos distintos xogos dos que disporán os nenos e nenas de Vilalba.

Finalmente, para reforzar a seguridade dos usuarios e usuarias colocarase unha valla perimetral de madeira que deixará libre o actual acceso dende a rúa Nova Cazón, engadindo dúas novas entradas na rúa da Emigración e na rúa de Ribadeo mediante unhas soleiras de formigón.