O XURADO DO LI CERTAME LITERARIO PREMIA A OBRA NAKBA, DE PATRICIA TORRADO QUEIRUGA

A obra da sonense, Patricia Torrado Queiruga, que recibirá 7.000 euros e verá publicada a súa creación foi a elixida polo xurado, integrado por figuras de prestixio cultural e académico

O xurado do LI Certame Literario do Concello de Vilalba vén de facer público o seu ditame, proclamando como gañadora a obra Nakba, presentada baixo o lema “Coma quen lambe a ferida” e cuxa autora é Patricia Torrado Queiruga.

O certame, o máis antigo de Galicia e tamén o mellor dotado economicamente, está recoñecido como unha das grandes citas da creación literaria no país. A gañadora desta edición recibirá un premio de 7.000 euros, ao que se suma a publicación da obra.

O xurado estivo composto por figuras de referencia do ámbito cultural e académico galego: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal; Luz Airado, avogada e poeta; e Andrea Fernández Maneiro, poeta e gañadora da edición anterior.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou “a importancia de manter vivo un certame que forma parte da identidade cultural de Vilalba e que é, ademais, un referente en toda Galicia polo seu prestixio e pola súa aposta decidida pola creación literaria”. Engadiu que “detrás destas cinco décadas de historia hai un compromiso claro co talento, a cultura e a palabra escrita”.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Mónica González, puxo en valor a calidade da obra gañadora e da propia convocatoria, “o Certame Literario de Vilalba demostra ano tras ano a súa capacidade de atraer voces potentes e diversas do panorama literario galego. Este premio non só promove a creación, senón que tamén proxecta o nome de Vilalba”. 

A traxectoria da gañadora

Patricia Torrado Queiruga (Porto Son, A Coruña) é licenciada en Filosofía pola USC, museóloga e experta en conservación e restauración do patrimonio pola UAH, ademais de contar con mestrados en Xestión Cultural e en Relacións Públicas e Protocolo pola UPO.

A súa traxectoria literaria está avalada por numerosos recoñecementos, entre os que destacan:

  • Primeiro premio do Certame Manuel Murguía de narracións breves (2020).
  • Primeiro premio do III Certame de poesía Torre de Caldaloba (2020).
  • Primeiro premio no III Certame de Caligramas Constanza de Castro (2023).
  • Primeiro premio no XI Concurso de Poesía Albariza de Artes-Concello de Ribeira (2024).

Ademais, foi galardoada en varias ocasións nos Certames de Microrrelatos do Día do Libro de Vilalba, nos que acadou distintos premios entre 2019 e 2022, así como noutras citas literarias de relevancia.