RENOVACIÓN DO VIAL SAMARUGO-CORVELLE

O CONCELLO DE VILALBA RENOVARÁ O VIAL DE MÁIS DE TRES QUILÓMETROS QUE COMUNICA AS PARROQUIAS DE SAMARUGO E CORVELLE

Vilalba, 2 de febreiro de 2021. O grupo de goberno do Concello de Vilalba levará ao pleno deste xoves o proxecto de rexeneración integral do vial municipal que comunica as parroquias de Samarugo e Corvelle.

En concreto, esta estrada de titularidade municipal comunica a zona sur da parroquia de Samarugo coa estrada provincial LU-P-6505, na parroquia de Corvelle. Ten un percorrido lonxitudinal de 3.155 metros e un ancho medio de 3,80 metros. A actuación inclúe ademais darlle unha solución aos problemas de drenaxe existentes en dous puntos de vias municipais de Corvelle.

O paso do tempo, a acción da auga e o intenso uso do vial que comunica as dúas parroquias provocaron o seu deterioro, polo cal resulta urxente a actuación, xa que a falta de capas superficiais de pavimento dificulta o tráfico de vehículos e peóns, incrementando o risco de caídas ou accidentes.

Por isto, a solución proposta para esta vía consiste na limpeza de noiros, a regularización da súa base e a pavimentación de toda a superficie con doble tratamento.

“É unha estrada moi transitada que necesita unha renovación de forma urxente, mellorando a seguridade viaria e dando resposta ás demandas dos veciños e veciñas de ambas parroquias”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Concello de Vilalba.

Os traballos terán un orzamento próximo aos 57.000 euros e, unha vez adxudicadas as obras, a empresa adxudicataria completará a renovación do vial e solucionará os problemas de drenaxe no prazo dun mes.

Este proxecto nas parroquias de Samarugo e Corvelle forma parte do plan integral de renovación e mantemento dos servizos básicos e infraestruturas do casco urbano e as parroquias, posto en marcha no 2019 polo actual grupo de goberno do Concello de Vilalba.