VILALBA ACOLLE O PRÓXIMO DOMINGO A PRIMEIRA EDICIÓN DA COPA IBÉRICA FEMININA DE TAEKWONDO

O pavillón municipal de Vilalba será este domingo, día 18 de setembro, o escenario da primeira edición da Copa Ibérica Feminina de Taekwondo.

A presentación do campionato foi esta mañá na Casa da Cultura coa presenza da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e Juan Carlos Quintana, do ximnasio Jansu, ademais de persoal da Concellaría de Deportes municipal.

Houbo tamén representación da Federación Galega de Taekwondo; o Club Deportivo Biosbardo; Mahou Lugo, e da asociación Foxg1 España, xa que no campionato, no que tamén colaboran a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, recadaranse fondos para os afectados polo Síndrome Foxg1, unha enfermidade rara que afecta a 1 de cada 30.000 nenos que nacen no mundo.

“É unha satisfacción acoller esta primeira copa ibérica feminina, un evento deportivo e solidario que serve tamén para dar novos pasos na busca da igualdade real na nosa sociedade”, asegurou a alcaldesa, Elba Veleiro.

Haberá premios individuais, por equipos, e da dirección arbitral farase cargo María Bautista Maestre, primeira muller recoñecida como mellor árbitra nos premios Ufedega do deporte feminino galego.