– A alcaldesa, Marta Rouco, participou hoxe na presentación oficial do evento, na que destacou que “este encontro sitúa novamente a Vilalba como referencia cultural e proxecta a imaxe dunha vila dinámica e activa”
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, participou hoxe na presentación oficial da décima edición de “No bico un cantar”, un encontro musical impulsado polo Consello da Cultura Galega que este venres 5 de xuño converterá a capital chairega nun punto de encontro para centos de nenos e nenas procedentes de toda Galicia.
O evento celebrarase ás 17:30 horas na escalinata que conecta o Auditorio Municipal coa Praza de Santa María —trasladándose ao interior do Auditorio en caso de choiva—, aínda que a actividade comezará xa pola mañá coa chegada dos participantes e os ensaios previos.
Nesta edición participarán máis de 400 nenos e nenas chegados de conservatorios profesionais de diferentes cidades galegas, xunto co alumnado da Escola de Música de Vilalba e doutros centros de ensino musical da contorna, que compartirán escenario nun concerto colectivo arredor da música e da literatura galega.
Marta Rouco destacou durante a presentación que “é unha satisfacción poder representar hoxe a Vilalba como sede dun encontro musical, cultural e educativo destas características, que traerá á nosa vila centos de participantes e familias chegadas de diferentes puntos de Galicia”.
A rexedora sinalou que a celebración deste evento en Vilalba “supón un recoñecemento ao traballo que se está realizando para consolidar o municipio como un referente dentro de Galicia”, lembrando ademais que chega apenas unhas semanas despois da celebración da IX Mostra Musical do Eixo Atlántico.
O programa desta edición xirará arredor da Terra Chá e da súa contribución á cultura galega, con interpretacións inspiradas en autores e autoras vinculados á nosa comarca e á literatura galega contemporánea.
Nesa liña, Rouco puxo en valor que “máis de 400 nenos e nenas canten en Vilalba versos ligados á nosa terra, á nosa literatura e aos autores e autoras que forman parte da nosa identidade cultural é algo do que como vila debemos sentirnos profundamente orgullosos”.
A alcaldesa destacou tamén a implicación do Concello para facer posible a chegada deste encontro a Vilalba e explicou que “desde o primeiro momento tivemos claro que queriamos colaborar para que este proxecto puidese celebrarse aquí, porque cremos nunha vila viva, con actividade, con propostas para a xente nova e con eventos que tamén proxecten cara ao exterior unha imaxe dinámica do noso municipio”.
Ademais do valor cultural e educativo da iniciativa, a alcaldesa incidiu tamén no impacto que este tipo de actividades teñen sobre a propia vila, ao atraer visitantes, xerar ambiente e contribuír á dinamización do centro urbano.
Rouco quixo agradecer especialmente ao Consello da Cultura Galega que pensase en Vilalba para esta edición de “No bico un cantar”, así como o traballo de todas as administracións e persoas implicadas na organización do encontro.
Por último, a alcaldesa animou á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse o venres á escalinata da Praza de Santa María para vivir unha xornada que cualificou como “unha oportunidade pouco habitual de ver Vilalba convertida nun gran escenario no que centos de voces novas encherán a vila de música, cultura e convivencia”.
