– A iniciativa terá lugar o domingo 8 de febreiro na Praza de Santa María e promove a reutilización de produtos e un consumo máis sostible
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, veñen de presentar unha nova edición do mercado de segunda man “Vintalba”, que acada xa a súa terceira edición e se consolida como unha proposta para dinamizar a Praza de Santa María os domingos de feira, ao tempo que fomenta a reutilización de produtos e un modelo de consumo máis sostible.
Esta terceira edición celebrarase o domingo 8 de febreiro, coincidindo coa feira mensual de Vilalba, e está dirixida tanto a particulares maiores de idade como a asociacións sen ánimo de lucro, que poderán participar colocando o seu propio posto no mercado.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “Vintalba é unha iniciativa que responde a un dobre obxectivo: dinamizar os espazos públicos e apostar por un modelo de mercado máis sostible, baseado na reutilización e no consumo responsable”. A rexedora subliñou ademais que “a boa acollida das edicións anteriores demostra que este tipo de propostas teñen sentido en Vilalba e contan co apoio da veciñanza”.
As persoas interesadas en participar deberán contar cun mínimo de 40 produtos para vender ou intercambiar e poderán ofrecer artigos de segunda man como roupa, calzado, mobles, electrodomésticos, accesorios ou elementos de decoración, entre outros. O prazo para enviar a folla de inscrición estará aberto ata o 30 de xaneiro, e deberá remitirse debidamente cuberta ao enderezo electrónico feiras@vilalba.es.
Esta nova edición de Vintalba responde tamén ao compromiso adquirido desde a Alcaldía coa veciñanza, logo da elevada participación rexistrada nas edicións celebradas durante o verán, permitindo agora dar unha segunda vida aos produtos da temporada de inverno.
“Seguimos traballando para que Vilalba teña unha feira viva, diversa e atractiva, que combine tradición, dinamización económica e iniciativas innovadoras”, concluíu Marta Rouco.
As bases do mercado e a folla de inscrición están dispoñibles nesta mesma entrada: