VILALBA LICITA A DECORACIÓN LUMINOSA DAS PRINCIPAIS RÚAS E ESPAZOS PÚBLICOS DURANTE AS FESTAS PATRONAIS E O NADAL

O Concello de Vilalba sacou a licitación o contrato para a decoración luminosa das súas principais rúas e espazos públicos durante as festas patronais de San Ramón e Santa María e o Nadal.

Con este contrato, cun orzamento por un ano de 45.743,62 euros máis IVE, o concello dá un paso máis na súa aposta pola transparencia, cun prego coas características técnicas e administrativas a disposición de todas as empresas interesadas.

Os obxectivos principais da decoración deben ser promover unha imaxe atractiva dos espazos públicos de Vilalba, de forma que se xere unha maior afluencia de visitantes, así como unha maior actividade comercial durante estes períodos.

As empresas deberán presentar un proxecto completo con esbozo ou fotos dos motivos para instalar nas distintas zonas solicitadas no prego, indicando medidas, cor ou potencia total da instalación, co obxecto de que poida apreciarse a orixinalidade, beleza, abundancia e adecuación funcional aos elementos e motivos decorativos e artísticos.

Desde o punto de vista técnico, a iluminación debe ser LED, con equipos homologados de acordo á norma vixente. Desde o punto de vista estético, os elementos deben presentar modernidade e eficiencia, así como a non repetición de elementos que se colocaron nas dúas anualidades anteriores, ou que en caso de repetirse formen un conxunto perfectamente definido.

Os deseños dos arcos serán de temática fantasía, preferentemente en branco e engadindo aqueles elementos de cor que enriquezan o produto final. Os arcos utilizados deben responder a un mesmo patrón de deseño, que dea sensación de continuidade entre as rúas iluminadas.