– Arredor de 500 veciños e veciñas participan nunha concentración convocada por consenso de todos os grupos políticos da corporación municipal.
Vilalba acolleu hoxe, ás 12:00 horas, unha concentración diante do centro de saúde do municipio para reclamar unha atención sanitaria pública digna, de calidade e con persoal suficiente.
A mobilización foi convocada polo Concello de Vilalba co consenso de todos os grupos políticos con representación na corporación municipal para facer unha chamada conxunta á cidadanía ante a situación crítica que atravesa o servizo sanitario.
A concentración desenvolveuse baixo o lema “Pola defensa do centro de saúde de Vilalba” e contou con arredor de 500 veciños e veciñas que quixeron amosar a súa preocupación polo deterioro progresivo da atención sanitaria no municipio e o seu apoio a unha reivindicación que afecta ao conxunto da comarca.

Durante o acto deuse lectura a un manifesto consensuado por todos os grupos políticos da corporación municipal, que foi lido por Benita Martínez, matrona do centro de saúde de Vilalba durante máis de 15 anos ata a súa xubilación, nun xesto cargado de simbolismo e recoñecemento ao persoal sanitario.
Na declaración púxose de manifesto a grave situación que atravesa o centro de saúde, onde na actualidade permanecen sen cubrir 4 dos 11 cupos médicos existentes, o que provoca que as ausencias por baixas, vacacións ou días libres non sexan substituídas, chegando a darse xornadas nas que só tres médicos atenden a toda a poboación adscrita.
Esta situación vese agravada pola atención ao Punto de Atención Continuada (PAC), que atende tamén urxencias procedentes doutros concellos da contorna, incrementando a presión asistencial sen reforzo de persoal.
O texto tamén recolleu a problemática existente en enfermería, coa falta de substitucións, e a situación especialmente preocupante do servizo de pediatría, no que só un dos cupos permanece operativo. Ademais, denunciouse a perda progresiva de especialidades asistenciais fundamentais como oftalmoloxía, xinecoloxía ou reumatoloxía, minguando a carteira de servizos sanitarios dispoñibles para a veciñanza da comarca.
Ao remate da concentración, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, agradeceu “a resposta masiva da veciñanza, que hoxe volveu demostrar que Vilalba sabe unirse cando se trata de defender un dereito fundamental como é a saúde”. Rouco destacou que “esta mobilización é froito do consenso, da responsabilidade institucional e da vontade de sumar forzas para conseguir solucións reais”.
“A protesta unida e firme é a vía para que as administracións competentes tomen cartas no asunto”, sinalou a alcaldesa, quen insistiu en que “non estamos a pedir privilexios, senón unha atención sanitaria pública digna, acorde ás necesidades reais da poboación de Vilalba e da súa contorna”.
Marta Rouco reiterou que o Concello continuará defendendo esta causa “con todas as ferramentas ao noso alcance, buscando a máxima repercusión posible e mantendo a man tendida ao diálogo, pero tamén a firmeza nas reivindicacións”. “A sanidade pública non pode esperar e Vilalba precisa solucións”, concluíu.