O CONCELLO PARTICIPA NA OITAVA EDICIÓN DA FEIRA EXPOCIDADES QUE SE CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA NO MUNICIPIO LUCENSE DE SARRIA

“Unha gran oportunidade para dar a coñecer a riqueza histórica, cultural e gastronómica da nosa vila nun encontro que fomenta o turismo de proximidade e a conexión entre os municipios do Eixo Atlántico” salientou a alcaldesa, Marta Rouco

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Comercio, Turismo e Promoción da Lingua, María Xosé Fernández, asistiron na mañá de hoxe á inauguración da oitava edición de Expocidades, a feira de turismo de proximidade do Eixo Atlántico que se celebra este fin de semana en Sarria.

O Concello estará presente durante toda a fin de semana na feira de turismo e intercambio cultural a través dun stand no que se potenciará a promoción turística de Vilalba e se dará a coñecer aos visitantes o atractivo e o potencial da capital chairega.

Nesa liña, a alcaldesa, Marta Rouco, cualificou a participación en Expocidades como “unha gran oportunidade para dar a coñecer a riqueza histórica, cultural e gastronómica da nosa vila nunha feira que fomenta o turismo de proximidade e a conexión entre os municipios do Eixo Atlántico”.

Unha oportunidade que é posible grazas á recente adhesión de Vilalba ao organismo de cooperación transfronteiriza no pasado mes de febreiro. “Era unha iniciativa coa que levabamos anos insistindo. Cando chegamos ao goberno municipal amosamos oficialmente o noso interese en entrar no Eixo Atlántico mediante unha carta que eu mesma dirixín ao secretario xeral do organismo;  este ano a iniciativa fíxose realidade”, explicou a rexedora, Marta Rouco.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo de Vilalba, María Xosé Fernández, subliñou “a importancia de estar presentes neste tipo de encontros e intercambios culturais onde Vilalba ten moito que ofrecer e amosar a potenciais visitantes”.

María Xosé Fernández explicou tamén que “ademais da presenza co noso posto fixo na feira, Vilalba terá un protagonismo destacado na xornada do sábado, na que ofreceremos unha degustación de queixo San Simón da Costa e do roscón vilalbés”.

Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, amosouse “especialmente contenta e satisfeita por facer palpable a presenza da nosa vila neste tipo de eventos que supoñen un gran impulso para Vilalba” e adiantou que “a vindeira semana, a través doutra das iniciativas do Eixo Atlántico, recibiremos na nosa vila a alumnado de intercambio procedente dun centro de educación primaria de Guimaraes, aos que tamén lles trataremos de amosar a riqueza cultural e histórica de Vilalba”.