Están dirixidas a escolares entre 3 e 6 anos matriculados nos centros educativos públicos do municipio e divididas en dous tramos, dun máximo de 100 e 75 euros respectivamente
O Concello vén de facer públicas as bases que rexen a concesión de axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado de educación infantil, é dicir, nenos e nenas entre 3 e 6 anos, matriculados nos centros educativos públicos do municipio.
A contía de ditas axudas dividirase en dous tramos, 75 ou 100 euros, dependendo da renda per cápita das familias solicitantes.
“As familias poderán investir as axudas na compra tanto de libros de texto como de calquera outro material escolar, incluídos por exemplo os mandilóns; o que deben lembrar é que teñen que xustificar os gastos sempre mediante factura”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.
En canto ao prazo de presentación de solicitudes, as familias poderán entregar a documentación solicitada no Rexistro Xeral do Concello ou na Sede Electrónica ata o vindeiro 8 de xullo, incluído. As bases da convocatoria, así como os anexos da mesma están dispoñibles nesta mesma entrada da páxina web, ao remate da nova.