O 22 de agosto, a partir das 21:00 horas, diferentes artistas vilalbeses ofrecerán unha xornada de música en directo que xa se consolidou como un evento de referencia dentro do calendario festivo
A explanada da Madalena converterase o venres 22 de agosto no epicentro musical das Festas de San Ramón e Santa María co “venres da xira”, unha cita que contará con actuacións de artistas locais e convidados, ofrecendo unha ampla variedade de estilos e propostas musicais.
O programa desta edición arrincará ás 21:00 horas con Decrux B2B Bristradd nun chill house set; seguirá ás 22:00 horas con El Chocolay e Jorgito + Talent; ás 23:00 horas será a quenda de Cris V; ás 00:30 horas subirá ao escenario David García; e para pechar a noite, ás 2:00 horas, volverán Decrux B2B Bristradd.
Dende a organización, un grupo de mozos e mozas vilalbesas: Adrián Martinez, Brais Trinidad, Cristina Vázquez e David García, que levan anos impulsando esta proposta, destacan que “logo de moitos anos xuntándonos un grupo de amigos nos casetos, facendo incluso un caseto exclusivo para o evento e falando coas cantinas para que nos proporcionasen os medios, o venres da xira estase a converter nun evento sólido. Foi medrando pouco a pouco e gañando aceptación nos últimos anos ata chegar ao que é hoxe: a apertura das festas patronais, reunindo, o ano pasado, ao redor dunhas 800 persoas na explanada da Madalena”.
Este ano, o evento contará coa colaboración do Concello, algo que, segundo indican os organizadores, “supón un paso adiante no asentamento desta cita para que perdure no tempo, sen perder a nosa esencia: facer un evento do pobo para o pobo, onde non pechamos a porta a ninguén e mesmo traemos artistas convidados, como en anos anteriores. Un evento que pon en valor o talento local e demostra que, con esforzo e paixón, pódese levar a música dende a túa habitación ata un escenario diante de centos de persoas”.
A concelleira de Cultura, Mónica González, puxo en valor esta iniciativa como “un exemplo de dinamización cultural que nace da xente moza, que aposta polo talento local e pola diversidade musical, e que xa é unha cita imprescindible dentro das nosas festas patronais”.
Os organizadores quixeron tamén trasladar a súa gratitude: “É un día único durante o ano para desfrutar dunha variedade musical que non abunda na oferta local. Grazas a toda a xente que nos apoia dende o primeiro día e a toda a que se vai sumando a esta iniciativa. Sen vós, isto non sería posible. Vémonos o 22 de agosto no Venres da Xira!”.