VILALBA CONTARÁ CUN PUNTO VIOLETA NA XIRA CAMPESTRE DA MADALENA PARA A PREVENCIÓN DE VIOLENCIA SEXUAL

A iniciativa, impulsada pola alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, funcionará o venres 22 e o sábado 23 de agosto e contará con persoal especializado en violencia de xénero e sexual

A alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, vén de anunciar a instalación dun punto violeta na Xira Campestre da Madalena, co obxectivo de promover a concienciación e a prevención da violencia sexual durante as festas patronais.

O punto estará operativo o venres 22 de agosto de 23:00 a 3:00 horas e o sábado 23 de agosto de 22:00 a 4:00 horas, situado nunha das marxes da explanada da Madalena, como en anos anteriores. 

Estará atendido por profesionais especializados en violencia de xénero e violencia sexual, que ofrecerán información e asesoramento a todas as persoas que se acheguen.

Ademais de información, no punto repartirase unha serie de agasallos para animar á participación e apoiar a concienciación contra a violencia sexual. A iniciativa tamén incluirá un espazo seguro, ao que poderán acudir aquelas persoas que precisen poñer de manifesto posibles agresións sexistas, activando o protocolo establecido para estas situacións.

A alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, destacou que “en Vilalba queremos que as nosas festas sexan un espazo seguro para todas e todos. O punto violeta permite que calquera persoa que o precise poida recibir información, apoio e denunciar situacións de acoso ou violencia sexual. É unha ferramenta fundamental para reforzar a prevención e a concienciación na nosa comunidade.”

Rouco subliñou ademais que “este tipo de accións forman parte do compromiso do Concello por garantir unhas festas seguras e inclusivas, fomentando a participación activa da cidadanía na prevención da violencia de xénero e sexual”.