A ALCALDÍA ORGANIZA UNHA MESA REDONDA SOBRE O XORNALISMO E A DESINFORMACIÓN NO SÉCULO XXI

Catro xornalistas vilalbeses debaterán nunha mesa aberta o 28 de agosto na Casa da Cultura sobre os retos informativos da nosa sociedade

A Alcaldía organiza o vindeiro xoves 28 de agosto ás 20:30 horas na Casa da Cultura unha mesa aberta titulada “O xornalismo no século XXI: a era da desinformación”, que reunirá a catro recoñecidos profesionais da comunicación, todos eles naturais de Vilalba.

O encontro contará con:

  • Daniel Basteiro, corresponsal político de Bloomberg en España. Foi director de InfoLibre e traballou como corresponsal en Bruxelas, ademais de ser cofundador de medios como El Español ou El Huffington Post.
  • Marta Gesto, directora xeral de InfoLibre, con 20 anos de traxectoria en medios como Europa Press, Atlas, AOL, Qué!, laSexta ou Vocento.
  • Carmen Hermida, xornalista e locutora en COPE Lugo.
  • Moncho Paz, xornalista e consultor de comunicación, colaborador de MUNDIARIO e autor de varias obras, con experiencia en medios como El Progreso, Código Cero e diferentes publicacións especializadas.

O evento será a primeira xornada dun novo ciclo de mesas redondas e conferencias que traerán a Vilalba a expertos de diferentes ámbitos para reflexionar e debater sobre cuestións de actualidade.

A alcaldesa, Marta Rouco, subliñou que esta iniciativa “nace coa vontade de achegar a Vilalba persoas referentes en diferentes ámbitos, que nos permitan reflexionar en común sobre os desafíos do presente”.

“Aproveitamos que durante as festas patronais estes catro xornalistas vilalbeses, coñecidos e recoñecidos, están na vila para organizar a primeira dunha serie de mesas redondas que queremos impulsar sobre temas de actualidade e interese social”, concluíu a rexedora, Marta Rouco. 

A asistencia será de balde e con entrada libre ata completar aforo.