O CONCELLO PECHA A SEGUNDA TEMPADA DAS PISCINAS EXTERIORES CON PRETO DE 9.000 USUARIOS E ANUNCIA A RENOVACIÓN DA CONCESIÓN DO BAR DA PRAIA FLUVIAL

As instalacións consolídanse como un referente de ocio e turismo cunha recadación de preto de 24.000 euros, preto de 700 accesos gratuítos para asociacións e a ampliación da zona verde

O Concello fixo balance esta mañá da tempada de verán nas piscinas exteriores da área recreativa da Madalena, inauguradas no ano 2024, que este ano recibiron un total de 8.800 usuarios e usuarias, cunha recadación de preto de 24.000 euros.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que estes datos reflicten “o bo funcionamento dunhas instalacións modernas, que non só se consolidan como un espazo de lecer para a veciñanza de Vilalba, senón tamén como un atractivo turístico para os visitantes que se achegan á nosa vila durante o verán”.

Rouco tamén puxo en valor que preto de 700 persoas gozaron das piscinas de forma gratuíta en horario de 12:00 a 14:00 horas, grazas á iniciativa posta en marcha polo Concello para facilitar o acceso ás asociacións inscritas no Rexistro Municipal, “un xeito de abrir as portas da Madalena a colectivos moi diversos que valoraron moi positivamente esta medida”.

O mes de agosto foi o de maior afluencia, con máis de 3.000 usuarios e usuarias e unha recadación próxima aos 10.000 euros, coincidindo cos días de maior calor da tempada.

Respecto ao balance xeral das dúas primeiras tempadas, a rexedora lembrou que o ano pasado, con 15 días máis de apertura, rexistráronse preto de 10.000 visitantes e unha recadación superior aos 27.000 euros. “Ambos balances son moi positivos e poñen de manifesto que as piscinas da Madalena xa forman parte da nosa oferta de ocio estival. O importante é que se manteñen cifras elevadas e unha gran satisfacción por parte da cidadanía”, subliñou.

A alcaldesa aproveitou tamén para anunciar que nas vindeiras datas se iniciarán os trámites para renovar a concesión do bar da praia fluvial, cun contrato que sairá a licitación pública. “Queremos que este espazo sexa un atractivo máis dentro deste enclave natural único, con condicións que permitan ás familias, veciños e visitantes gozar da Madalena especialmente durante o verán”, engadiu.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, salientou que este ano se ampliou a zona verde, respondendo ás peticións dos usuarios e usuarias. “Conseguimos que houbese máis espazo dispoñible, maior comodidade e, sobre todo, evitamos colas mesmo nos días de máxima afluencia”, explicou.

O Concello reafirma así o seu compromiso por mellorar e consolidar a Madalena como un espazo de referencia para o lecer, o deporte e o turismo, ofrecendo un recurso de calidade que contribúe a dinamizar a vida social e económica do municipio.