Logo do éxito da primeira edición celebrada en agosto, o Concello de Vilalba organiza unha nova cita que volverá encher de sabores e culturas a feira dominical
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, veñen de anunciar a celebración da segunda edición da Feira Intercultural este domingo, 5 de outubro, coincidindo coa feira mensual da vila.
A cita terá lugar na Praza de Santa María a partir das 12:00 horas e contará con postos de diferentes países do mundo dos que proceden veciños e veciñas migrantes de Vilalba. Serán eles e elas quen elaboren comidas típicas dos seus lugares de orixe, que se ofrecerán de forma totalmente gratuíta ata esgotar existencias a todas as persoas que se acheguen.
Como na primeira edición, o Concello sufragará o custe dos alimentos necesarios para que cada persoa migrante participante poida preparar os seus pratos típicos, favorecendo así a posta en valor das distintas culturas e garantindo que toda a cidadanía poida gozar desta experiencia.
Ademais da gastronomía, a feira incluirá trípticos informativos nos que descubrir aspectos clave da cultura e da historia de cada un dos países representados, ofrecendo así unha experiencia completa de coñecemento e convivencia.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “Vilalba é unha vila aberta e diversa, e esta feira é un reflexo da riqueza que achegan as persoas que veñen doutros lugares e que hoxe tamén forman parte da nosa comunidade. É unha oportunidade para compartir, aprender e celebrar xuntos a nosa diversidade”.
Pola súa parte, a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, subliñou que “o éxito da primeira edición animounos a repetir, e estamos convencidos de que este domingo a Praza de Santa María volverá converterse nun punto de encontro especial, sumando á feira mensual unha experiencia intercultural única”.
Deste xeito, Vilalba reforza a súa programación vinculada ao día de feira cun evento que pon en valor a diversidade cultural e fomenta a convivencia, facendo da capital da Terra Chá un lugar aínda máis atractivo para veciños, veciñas e visitantes.