A actuación supuxo un investimento de máis de 165.000 euros, aos que se sumarán nas vindeiras datas un proxecto de eficiencia enerxética cun investimento adicional de 44.000 euros.
O Concello de Vilalba vén de rematar as obras de reforzo do firme nas rúas Castiñeiro, Acivro e Salgueiro do Polígono Industrial Sete Pontes, un proxecto que supón un novo avance na mellora das infraestruturas deste espazo empresarial estratéxico para o municipio.
As actuacións consistiron na aplicación de aglomerado en quente para reforzar o firme, na mellora da sinalización horizontal e vertical das vías e na colocación de arquetas para a recollida de pluviais. O que garantirá unha maior seguridade viaria e un mellor estado xeral das rúas que dan servizo ás empresas do polígono.
O investimento total ascendeu a 165.649 euros, financiados grazas a un proxecto presentado polo Concello ás axudas de concorrencia competitiva da Consellería de Economía e Industria, nas que se valoraron de maneira detallada as actuacións previstas.
Ademais, nas vindeiras datas darán comezo as obras dun proxecto de aforro e eficiencia enerxética do alumeado público do parque empresarial, cun investimento final de 44.611 euros, que permitirá reducir o consumo eléctrico e mellorar a sustentabilidade.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “estas melloras forman parte dun compromiso firme do goberno local co tecido empresarial vilalbés e coa Asociación de Empresarios Sete Pontes. Estamos a cumprir o acordo de mellorar as dotacións públicas do polígono, avanzando cara a un espazo máis seguro e eficiente”.
Rouco engadiu que “este tipo de proxectos, planificados con detalle e presentados a convocatorias competitivas, son a única vía para acadar investimentos da Xunta de Galicia, polo que seguiremos traballando nesa liña para que Vilalba siga medrando en servizos e oportunidades”.
Con estas actuacións, o Concello de Vilalba reafirma o seu compromiso co desenvolvemento económico local e co apoio ás empresas, garantindo infraestruturas de calidade e un entorno axeitado para o crecemento e a creación de emprego.
