A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, presentaron un novo programa que combina manualidades, memoria e ximnasia de mantemento para fortalecer a vida social no rural.
O Concello de Vilalba vén de presentar unha nova edición do ciclo de dinamización rural, unha iniciativa que se consolida como unha das máis exitosas do municipio pola súa capacidade de achegar actividades e vida ás parroquias.
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo deron a coñecer hoxe o programa, que nesta terceira edición aumenta o número de parroquias participantes ata un total de 22: Rioaveso, Vilapedre, Mourence, Santaballa, Codesido, Ladra, Goiriz, Insua, Nete, Belesar, Sancovade, San Simón, Alba, Carballido, Oleiros, Distriz, Tardade, Lanzós, Corvelle, Noche, Árbol e Román.
Como nas pasadas edicións, o Concello ofreceu a todas as asociacións de veciños e veciñas a posibilidade de sumarse ao ciclo, chegando finalmente ás parroquias que manifestaron o seu interese en participar.
As actividades, que comezarán a vindeira semana e se prolongarán durante os vindeiros meses, incluirán tres modalidades: manualidades, exercicios de memoria e ximnasia de mantemento. Desenvolveranse todas as semanas polas tardes, agás na parroquia de Román, onde terán lugar os sábados pola mañá.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “este programa é moito máis que unha proposta de ocio: é unha maneira de fortalecer a convivencia e combater a soidade das persoas que viven no rural. Queremos que cada parroquia teña vida, actividades e espazos de encontro que fagan sentir a todos os veciños e veciñas parte activa do noso concello”.
Rouco engadiu ademais que “mantemos o compromiso firme de gobernar para todos e todas, tamén para quen vive no rural, ofrecendo oportunidades para gozar, aprender e compartir momentos en compañía”.
O Concello de Vilalba reafirma así o seu compromiso co equilibrio territorial e coa dinamización social do rural, impulsando proxectos que axudan a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza en todas as parroquias do municipio.
