O CONCELLO INICIA A REXENERACIÓN DA TRAVESÍA DE FOZ PARA MELLORAR O ACCESO A VIVENDAS E GARAXES DA ZONA

A actuación, cun investimento de 4.100 euros, responde a unha demanda veciñal e suporá a recuperación do firme.

O Concello de Vilalba, a través da Concellería de Infraestruturas Urbanas, vén de iniciar as obras de rexeneración da Travesía de Foz, unha vía que conecta a Rúa de Muras coa Rúa de Foz e que dá servizo a un importante número de veciños e veciñas cuxo acceso a fincas e garaxes se realiza unicamente por este tramo.

A actuación supón a mellora completa dun vial que se atopaba nun estado notablemente deteriorado, con numerosos baches e zonas de difícil tránsito debido ao desgaste acumulado do firme.

Os traballos inclúen a ampliación da superficie, un tratamento semiprofundo e a aplicación dunha dobre rega asfáltica, cun investimento total de 4.100 euros.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “esta é unha obra importante para o día a día das persoas que viven nesta zona. Os veciños solicitaron esta mellora e o Concello responde con feitos”.

Rouco subliñou ademais que “dende a Alcaldía seguimos apostando por actuar en todas aquelas zonas que precisan unha intervención urxente co obxectivo de mellorar o día a día e os servizos públicos para os veciños e veciñas”.

Con esta actuación, o goberno local continúa co seu plan de mellora e mantemento das rúas, garantindo un acceso seguro e cómodo ás vivendas e ao servizos.