O Concello impulsa unha campaña de sensibilización para fomentar a reciclaxe e a correcta xestión dos residuos entre o alumnado de infantil e primaria.
O Concello de Vilalba, a través da Alcaldía e da Concellería de Medio Ambiente, súmase á Semana Europea da Prevención de Residuos, que se celebra entre os días 24 e 30 de novembro.
Faino poñendo o foco na participación e formación dos máis pequenos. Ao longo da vindeira semana desenvolveranse obradoiros de reciclaxe e xestión de residuos nos centros de educación infantil e primaria do municipio.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “os nenos e nenas teñen un papel fundamental como axentes de cambio, porque todo o que aprenden nas aulas lévano ás súas casas, favorecendo que tamén as familias adopten hábitos de consumo e reciclaxe máis responsables”.
Rouco engadiu ademais que “é clave trasladarlles desde idades temperás a importancia de reducir, reutilizar e reciclar para avanzar nun modelo de convivencia máis sostible”.
Os obradoiros comezarán o vindeiro luns, 24 de novembro, ás 10:00 horas no CEIP Terra Chá de Román, para continuar ás 12:30 horas no CEIP Monseivane de Lanzós. O martes 25 ás 10:00 horas, será a quenda do alumnado do CEIP Insua Bermúdez e finalmente, o mércores 26 ás 9:30 horas rematará o ciclo de obradoiros no CEIP Mato Vizoso.
A Semana Europea da Prevención de Residuos é unha iniciativa apoiada pola Comisión Europea, que ten como obxectivo promover accións concretas para concienciar sobre a necesidade de reducir a xeración de refugallos, cambiar hábitos de consumo e diminuír o impacto ambiental.
Con esta iniciativa o Concello de Vilalba pretende, entre outros obxectivos: achegar a política europea de residuos de maneira sinxela e pedagóxica, fomentar que os nenos e nenas actúen como transmisores de actitudes positivas no seu entorno e avanzar colectivamente cara a unha cultura de consumo máis responsable e sostible.
O Concello agradece a colaboración dos centros educativos e anima á cidadanía a sumarse tamén a esta semana de reflexión e acción a favor do medio ambiente.