A proposta municipal achega actividades gratuítas ao rural e promove a reutilización de materiais na creación de adornos festivos
O Concello de Vilalba presenta a primeira proposta da Alcaldía para dar comezo á programación do Nadal, que se irá completando e detallando nos vindeiros días.
Trátase dunha iniciativa que leva actividades ao rural vilalbés e que aposta pola creatividade e pola sustentabilidade a través de obradoiros de elaboración de decoración de Nadal con materiais reciclables, pensados para todos os públicos.
Os obradoiros impartiranse de 17:00 a 20:00 horas nas seguintes parroquias: Belesar, o 1 de decembro; Santaballa, o 2 de decembro; Carballido, o 9 de decembro; Codesido, o 10 de decembro; e Goiriz, o 11 de decembro
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou que “queremos que o Nadal se viva tamén nas parroquias e que todos os veciños e veciñas teñan opcións de ocio preto das súas casas”. Ademais, destacou que esta proposta “une celebración e sustentabilidade, demostrando que é posible decorar o noso fogar dun modo creativo e responsable co medio ambiente”.
A actividade será totalmente gratuíta, non require inscrición previa nin levar ningún tipo de material. As persoas interesadas só terán que desprazarse á casa escola da parroquia correspondente no día e hora establecidos e participar libremente.
Os obradoiros están abertos a todas as idades, incluíndo nenos e nenas maiores de 6 anos, que deberán asistir acompañados dun adulto. “Queremos crear un espazo familiar, participativo e accesible para todos, no que compartir tempo, aprender e vivir o espírito do Nadal de maneira sinxela e próxima”, concluíu a rexedora.
Con esta primeira acción, o Concello inicia a programación de Nadal deste ano, que incluirá novas actividades que se darán a coñecer nos vindeiros días.
