As obras fináncianse co convenio logrado pola Alcaldía coa Deputación de Lugo, que achegará un total de case 263.000 euros para mellorar o centro urbano a través de varias actuacións.
O Concello de Vilalba vén de adxudicar á empresa Calfensa Proyectos S.L. o proxecto de remodelación integral do parque infantil de Rosalía de Castro, unha actuación que dará resposta á necesidade urxente de rehabilitar este espazo moi deteriorado e de recuperar para a veciñanza unha área de lecer segura e adaptada ás necesidades actuais.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, explicou que “este proxecto non só permitirá renovar un parque moi demandado polas familias, senón que recuperará un espazo público clave, ofrecendo un entorno moderno e pensado para o benestar dos máis pequenos”.
A intervención inclúe a instalación dun novo parque infantil composto por pavimento de caucho continuo de dobre capa, cunha superficie de 100 m². O recinto estará delimitado cun valo de madeira e contará cunha casiña de xogos, así como cun xogo múltiple con tobogán, randeeira e redes. Previamente, levarase a cabo a retirada das estruturas actuais —tanto xogos como valado e pavimento— debido ao seu avanzado estado de deterioración.
A rexedora destacou tamén que “esta actuación amplía o abanico de instalacións de lecer para a infancia, que merece contornos de xogo coidados e seguros”. Engadiu ademais que “os parques son puntos de encontro fundamentais para as familias, por iso seguimos apostando por remodelar e actualizar espazos públicos que levan anos esperando unha mellora”.
O prazo de execución das obras será de dous meses desde o seu inicio. O proxecto finánciase integramente a través do convenio impulsado pola Alcaldía coa Deputación de Lugo, que achega preto de 263.000 euros para desenvolver diversas intervencións destinadas a renovar e mellorar a imaxe do centro urbano da capital chairega.
A alcaldesa, Marta Rouco, concluíu que “estas actuacións forman parte dun plan máis amplo co que queremos transformar pouco a pouco o noso casco urbano, facéndoo máis amable, accesible e pensado para o uso e desfrute da veciñanza”.