– Olimpia López realizou a súa primeira visita institucional á Casa do Concello e asistiu ao acto cultural xunto á alcaldesa, Marta Rouco
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e os concelleiros Eduardo Vidal, Ignacio Criado e Luis Fernández recibiron hoxe no Concello á subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, quen realizou a súa primeira visita institucional ao municipio desde que tomou posesión do cargo.
Durante o encontro, abordáronse temas de colaboración entre ambas administracións, así como o interese compartido de continuar impulsando iniciativas que repercutan directamente no benestar da veciñanza de Vilalba.
Tras a recepción oficial, a alcaldesa e a subdelegada desprazáronse ao Auditorio Municipal, onde tivo lugar a representación da obra teatral “As alumnas”, unha iniciativa promovida pola Subdelegación do Goberno coa colaboración do Concello de Vilalba. O acto contou coa presenza de parte do alumnado do IES Santiago Basanta Silva, profesorado e público xeral.
Marta Rouco destacou a importancia de que a mocidade poida acceder a propostas culturais que fomenten o pensamento crítico: “A memoria democrática é unha ferramenta esencial para comprender o camiño percorrido como sociedade e para defender os valores de igualdade e liberdade”, subliñou a rexedora.
“As alumnas”, producida por Culturactiva, aborda o papel das mulleres na historia da educación en Galicia e as consecuencias que tivo o retroceso dos dereitos e liberdades durante o franquismo.
A alcaldesa agradeceu á Subdelegación do Goberno en Lugo a elección de Vilalba como sede desta proposta cultural, así como a implicación do instituto e de todas as persoas que participaron no acto.
“Actividades como esta fannos medrar como comunidade. Queremos seguir apostando pola cultura como espazo de encontro, reflexión e futuro”, concluíu Marta Rouco.
