– O acordo suporá un investimento de preto de 60.000 euros para arranxar vías nos núcleos de Cabanamille, en Belesar, e Ver, en Goiriz.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, vén de asinar un acordo co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, destinado á mellora da mobilidade e da seguridade viaria no rural vilalbés.
O acordo, formalizado hoxe en Lugo, permitirá investir preto de 60.000 euros para acondicionar catro accesos nos núcleos de Cabanamille, na parroquia de Belesar, e Ver, en Goiriz.
“Estamos a traballar para que as melloras cheguen a todos os lugares do municipio. Estas actuacións responden a peticións da veciñanza e reforzan os servizos públicos no rural, tan importantes para a calidade de vida e o mantemento da actividade agrogandeira”, sinalou a rexedora, Marta Rouco, quen quixo agradecer o compromiso da Deputación de Lugo coa vila e co seu territorio.
O convenio permitirá executar labores de limpeza de cunetas ao longo de máis de catro quilómetros e a reparación do firme en aproximadamente dous quilómetros e medio das vías principais en Cabanamille. Ademais, mellorarase o acceso ao núcleo de Ver dende a N-634, actuando nuns 600 metros para renovar a pavimentación e facilitar o tránsito diario.
“Este é un paso máis dentro do plan de melloras que está en marcha e que xa conta con outros convenios recentemente asinados, como os que permitiron a renovación do acceso ao barrio das Fontiñas e da rúa do Rego”, recalcou Rouco.
O Concello de Vilalba reforza así a súa aposta pola vertebración territorial e pola mellora das infraestruturas en todo o termo municipal.