VILALBA DÁ A COÑECER O PROGRAMA DA FEIRA DO CAPÓN 2025, UNHA DAS CITAS MÁIS EMBLEMÁTICAS DO MUNICIPIO

O evento celebrarase o domingo 21 de decembro e inclúe premios, degustación gratuíta e música en directo.

O Concello de Vilalba presentou hoxe a edición 2025 da tradicional Feira do Capón, unha das citas gastronómicas e culturais máis emblemáticas do municipio e un referente en toda Galicia. 

A Feira do Capón celebrarase o domingo 21 de decembro, mantendo a súa data habitual, e contará cun programa que combina tradición, promoción do produto local e actividades para todos os públicos.

A xornada arrancará ás 10:00 horas coa apertura oficial da feira. A continuación, ás 11:30 horas, celebrarase a entrega de premios coa participación do xornalista vilalbés Iván Calaza. Como é habitual, haberá premios para o maior número de exemplares presentados, mellor criador, mellor par de capóns e mellor cesta.

Entre as 12:30 e as 14:00 horas, o público poderá gozar dunha degustación gratuíta, ofrecida a través dunha food truck, ata esgotar existencias. Ademais, ás 13:00 horas, terá lugar a actuación da Minibanda de Vilalba, que aportará o acompañamento musical a unha das citas máis esperadas do ano.

Durante a súa intervención, a alcaldesa, Marta Rouco, destacou que a Feira do Capón é “un símbolo da identidade de Vilalba, un encontro que celebra a nosa tradición, o valor do noso rural e o traballo dos nosos criadores, que son os verdadeiros protagonistas desta xornada”.

A rexedora lembrou tamén que o capón vilalbés é “un produto único, cunha singularidade que só se pode atopar aquí, con séculos de tradición detrás”, e sinalou que o Concello continúa traballando para “acadar o recoñecemento que esta feira merece, reafirmando o seu compromiso con seguir impulsando este evento e poñendo en valor o que representa para o municipio”.

A concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, pola súa parte, fixo fincapé na organización e no carácter especial da feira: “Cada ano seguimos mellorando e reforzando unha cita que forma parte da esencia de Vilalba e que esperta o interese de milleiros de visitantes”. 

O Concello de Vilalba anima a toda a cidadanía a participar nesta nova edición, que volverá poñer nos escaparates de Galicia e máis alá a excelencia do capón vilalbés e a forza das tradicións locais.