VILALBA SERÁ SAÍDA DA ETAPA LUCENSE DE “O GRAN CAMIÑO” O VINDEIRO 15 DE ABRIL

A alcaldesa, Marta Rouco, destaca a importancia de que a capital da Terra Chá forme parte dunha proba deportiva internacional que proxecta Galicia e dinamiza o territorio

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, participou hoxe en Barreiros na presentación da etapa lucense de O Gran Camiño, unha volta ciclista profesional que percorre Galicia cunha etapa por provincia e que reúne a equipos e ciclistas de primeiro nivel internacional. 

A etapa da provincia de Lugo celebrarase o 15 de abril e terá a súa saída en Vilalba e a súa meta en Barreiros, coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo como patrocinadora da etapa.

Durante a súa intervención, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou a importancia de que Vilalba sexa punto de saída desta proba deportiva, subliñando tanto o valor do territorio como a tradición ciclista do municipio. “Vilalba conta cunha paisaxe natural privilexiada, cun entorno que se presta de maneira excepcional á práctica do ciclismo e que é tamén un dos nosos grandes atractivos”, sinalou Rouco.

A rexedora vilalbesa puxo en valor a vinculación da vila co ciclismo, lembrando iniciativas “moi arraigadas na sociedade vilalbesa” como a Festa da Bicicleta, que o pasado ano celebrou a súa 30ª edición, ou a Ruta BTT do Queixo San Simón da Costa, que acadará este ano a súa 10ª edición. 

Marta Rouco incidiu tamén na relevancia que ten acoller a saída dunha etapa de O Gran Camiño desde o punto de vista da proxección exterior do municipio. “Eventos deste nivel permiten situar a Vilalba no mapa, dar a coñecer o noso territorio e reforzar o papel da capital da Terra Chá como un punto estratéxico”, indicou.

Ademais, a alcaldesa salientou o impacto económico asociado a este tipo de citas deportivas. “A chegada de equipos, organización, medios de comunicación e visitantes supón un movemento económico importante para o comercio, a hostalaría e o conxunto do tecido local, polo que estamos a falar dunha oportunidade que vai máis alá do deportivo”, engadiu.

O percorrido completo da etapa lucense de O Gran Camiño darase a coñecer o vindeiro 6 de febreiro, nun acto que se celebrará en Padrón, coa participación das institucións que apoian a proba nas distintas provincias.