O CONCELLO EXECUTA A REXENERACIÓN DUN VIAL NO BARRIO DE PARAÑOS, NA PARROQUIA DE LANZÓS

A alcaldesa, Marta Rouco, e o concelleiro Luis Fernández visitaron a actuación, realizada para mellorar o acceso ás vivendas e dar resposta ás demandas da veciñanza

O Concello de Vilalba vén de executar unha actuación de mellora e rexeneración nun dos viais do barrio de Paraños, na parroquia de Lanzós, co obxectivo de dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas que acceden ás súas vivendas por esta pista, cuxo firme era de terra.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro Luis Fernández visitaron o resultado das obras, que se desenvolveron sobre unha superficie aproximada de 180 metros cadrados de vial. Trátase dunha intervención impulsada desde a Alcaldía para mellorar a seguridade e o estado xeral dunha vía de uso diario para os veciños e veciñas do barrio de Paraños.

Durante a visita, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, sinalou que “esta actuación responde a unha demanda dos veciños e veciñas e enmárcase no compromiso do goberno local coa mellora progresiva das infraestruturas”. Rouco destacou que “o acceso ás vivendas debe realizarse en condicións dignas e seguras, e ese é un dos eixos do noso traballo”.

As obras realizadas incluíron a limpeza de cunetas, o estendido dunha base de firme de macadam cun espesor de 10 centímetros, a aplicación dun tratamento semiprofundo con diferentes tipos de pedra e a finalización cunha dobre rega asfáltica, garantindo así unha maior durabilidade do vial.

Neste sentido, Marta Rouco subliñou que “non falamos só de asfaltar, senón de facer actuacións completas e ben executadas, que dean unha solución real e duradeira aos problemas que nos trasladan os veciños e veciñas”. A alcaldesa engadiu que “seguiremos actuando con este criterio, atendendo ás prioridades e ás necesidades reais dos veciños e veciñas”.

Desde o Concello de Vilalba incídese en que estas intervencións forman parte dunha liña de traballo continuada, orientada a mellorar os accesos, os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza, tanto no casco urbano como nas parroquias.