– O goberno local vén de solicitar unha axuda da Xunta de Galicia para recuperar o edificio municipal da rúa Cuart de Poblet e dar resposta á demanda de vivenda accesible no municipio
O Concello de Vilalba vén de presentar a documentación necesaria para optar ao Programa de Axudas de Rehabilitación de Edificacións e Vivendas Públicas de Titularidade Municipal, impulsado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta de Galicia, cun proxecto centrado na rehabilitación das coñecidas como casas dos mestres, situadas na rúa Cuart de Poblet, co obxectivo de destinalas a vivendas de alugueiro social.
Trátase dun edificio de titularidade municipal que na actualidade non está en uso e que está constituído por seis vivendas de uso individual, dúas no baixo, dúas na primeira planta e dúas na segunda. As súas características e estado de conservación fan que sexa un inmoble axeitado para a súa recuperación e adaptación ás necesidades actuais de habitabilidade.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “este proxecto responde a unha prioridade clara deste goberno local, que é aproveitar o patrimonio municipal para poñelo ao servizo da veciñanza e dar resposta a unha das principais preocupacións actuais, como é o acceso á vivenda”. Rouco subliñou que “falamos de vivenda pública en réxime de alugueiro social, unha ferramenta fundamental para facilitar proxectos de vida en Vilalba, especialmente para persoas e familias con máis dificultades”.
O proxecto presentado contempla unha rehabilitación integral do interior das vivendas, coa demolición de todos os elementos de distribución existentes para adaptalos á normativa vixente en termos de funcionalidade e habitabilidade. Ademais, está prevista a substitución das carpinterías actuais por novas carpinterías de PVC, mellorando así a eficiencia enerxética do edificio.
A intervención permitirá crear en cada vivenda novos espazos interiores, con cociña e sala de estar, cuartos de baño e/ou aseo e varios dormitorios, así como a renovación completa das instalacións de saneamento, abastecemento, ventilación e electricidade.
Neste sentido, a alcaldesa sinalou que “non se trata só de rehabilitar un edificio, senón de crear fogares dignos, accesibles e adaptados ás necesidades actuais, cumprindo criterios de calidade e confort”. Engadiu tamén que “desde o Concello estamos facendo un esforzo importante para impulsar proxectos que teñan un impacto social real e duradeiro”.
Marta Rouco puxo en valor a iniciativa municipal afirmando que “este proxecto é unha mostra clara de que en Vilalba hai vontade política e traballo técnico para avanzar”. A rexedora incidiu en que “apostar polo alugueiro social é apostar pola igualdade de oportunidades e polo futuro do noso municipio”.