O Concello de Vilalba informa da publicación das bases que rexerán a adxudicación de postos da XXX Festa do Queixo San Simón da Costa, que se celebrará o primeiro fin de semana de abril. Con esta convocatoria ábrese o proceso para a reserva de espazos destinados á promoción e venda de produtos relacionados coa gastronomía e o artesanato, así como para a participación de asociacións, institucións e entidades sen ánimo de lucro.
As persoas e entidades interesadas deberán presentar a instancia dispoñible na páxina web municipal, onde tamén se pode consultar toda a documentación requirida. A solicitude poderá realizarse tanto de maneira presencial no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 09:00 a 14:00 horas, como a través da sede electrónica. Xunto coa instancia, deberá achegarse a documentación indicada nas bases, así como a correspondente orde de domiciliación bancaria.
O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 20 de marzo de 2026, incluído. Para calquera consulta adicional, o Concello pon á disposición da cidadanía o número de teléfono 982 51 03 05 e o correo electrónico da Concellería de Feiras e Mercados: paula.vigo@vilalba.es.
O Concello de Vilalba anima a participar nesta trixésima edición da Festa do Queixo San Simón da Costa, unha das citas máis destacadas do calendario gastronómico galego e un referente da identidade cultural e produtiva da Terra Chá.