– O Concello de Vilalba impulsa un proxecto para rehabilitar o edificio de titularidade municipal e opta a un programa de axudas para ampliar a oferta de vivenda pública en Vilalba
A alcaldesa do Concello de Vilalba, Marta Rouco, reuniuse hoxe co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, para coñecer o proxecto impulsado polo Concello para rehabilitar as casas dos mestres e destinalas a vivendas de alugueiro social.
Antes da visita ao inmoble, a alcaldesa, os concelleiros Eduardo Vidal, Luis Fernández e Ignacio Criado, o delegado e a subdelegada do Goberno mantiveron unha reunión de traballo na que abordaron diferentes cuestións relacionadas coas necesidades do municipio e analizaron as vías de colaboración co Goberno de España para seguir impulsando melloras en Vilalba.
Posteriormente, desprazáronse ata o edificio da casas dos mestres, situado na rúa Cuart de Poblet. Un inmoble de titularidade municipal e actualmente sen uso que está composto por seis vivendas individuais.
A intervención, para a que se solicitou unha subvención a través do Programa de Axudas de Rehabilitación de Edificacións e Vivendas Públicas de Titularidade Municipal, permitiría crear en cada vivenda novos espazos interiores con cociña e sala de estar, cuartos de baño e varios dormitorios, recuperando así este edificio para destinalo a vivendas de alugueiro social.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou a importancia deste proxecto, sinalando que “desde o Concello queremos aproveitar o patrimonio municipal que hoxe non está en uso para darlle unha función social que responda ás necesidades actuais da cidadanía”.
Neste sentido, subliñou que “o acceso á vivenda é un dos retos máis importantes que teñen moitas persoas, especialmente a xente nova, e por iso os concellos tamén temos que implicarnos e buscar solucións aproveitando os recursos que temos ao noso alcance”.
O encontro permitiu así poñer en valor o proxecto impulsado polo Concello de Vilalba para recuperar este edificio municipal e ampliar a oferta de vivenda en alugueiro social no municipio, unha iniciativa que busca dar resposta ás necesidades actuais da veciñanza ao tempo que se recupera patrimonio público para un uso social.
