VILALBA CELEBRARÁ O 4 E 5 DE ABRIL A XXX FESTA DO QUEIXO SAN SIMÓN DA COSTA CUN AMPLO PROGRAMA DE ACTIVIDADES GASTRONÓMICAS E MUSICAIS

A Praza da Constitución acollerá a feira e a maior parte das actividades dunha edición especial polo 30 aniversario desta cita emblemática da gastronomía vilalbesa

O Concello de Vilalba presentou hoxe no salón de plenos da Casa do Concello a programación da XXX Festa do Queixo San Simón da Costa, que se celebrará os días 4 e 5 de abril na capital chairega.

No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, o presidente da DOP San Simón da Costa, Daniel Pérez, o presidente da Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa, Javier Piñeiro, a xerente do Consello Regulador, Lucía Fraga, e o director da oficina de Caixa Rural en Vilalba, Martín Paz.

Durante a presentación, a alcaldesa, Marta Rouco, destacou o significado especial desta edición, que alcanza a súa trixésima convocatoria. “Chegar á trixésima edición desta festa é a mellor proba de que estamos diante dunha celebración que soubo medrar e consolidarse ata converterse nun dos grandes sinais de identidade de Vilalba”, sinalou.

A programación desenvolverase principalmente na Praza da Constitución, onde se instalará a feira e onde se celebrará a maior parte das actividades previstas ao longo da fin de semana. Os concertos da noite do sábado celebraranse na Praza de Santa María, ampliando así os espazos da festa no casco urbano.

Neste sentido, Rouco subliñou que a Festa do Queixo é tamén unha oportunidade para reivindicar o valor do produto local. “Esta festa nace arredor dun produto extraordinario como é o queixo San Simón da Costa, que representa perfectamente a calidade da nosa gastronomía e o traballo dos produtores e produtoras da comarca”, explicou.

A feira abrirá as súas portas o sábado 4 de abril ás 11:00 horas, dando comezo a unha xornada que contará con diferentes propostas gastronómicas e culturais. Entre elas destaca o showcooking “A cociñar con Marcos Pereiro” ás 12:00 horas, seguido da sesión vermú ás 13:00 horas a cargo de Mekánika Rolling Band.

Xa pola tarde, a programación continuará cun taller de cociña infantil con queixo San Simón da Costa ás 16:00 horas, unha cata de queixo e sake ás 18:00 horas e o pregón da festa, que correrá a cargo de Marcos Pereiro, ás 19:00 horas.

A xornada do sábado rematará con música en directo na Praza de Santa María, onde actuarán 9Louro e Mondra a partir das 22:30 horas.

A alcaldesa destacou tamén o carácter aberto e participativo da programación desta edición. “Queremos que durante esta fin de semana Vilalba se converta nun lugar cheo de vida, no que veciños, veciñas e visitantes poidan desfrutar dunha verdadeira festa arredor do queixo San Simón da Costa”, indicou.

O domingo 5 de abril a feira volverá abrir ás 10:00 horas. A programación continuará ás 12:00 horas cun showcooking de Miguel Mosteiro en colaboración con Aceites Abril, seguido da sesión vermú ás 13:00 horas coa actuación de Festicultores.

Durante a tarde desenvolveranse diferentes actividades gastronómicas, como unha cata de queixo e cava ás 16:00 horas e unha cata guiada de queixos DOP San Simón da Costa e viños da DO Ribeiro ás 17:30 horas. Ademais, ás 17:00 horas celebrarase a tradicional sesión de baile dos domingos de feira no Centro Cultural, amenizada polo dúo Épo-k.

A feira pechará ás 19:00 horas, poñendo fin a unha fin de semana dedicada á promoción dun dos produtos máis representativos da gastronomía da comarca.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou tamén o impacto que esta celebración ten para a vila. “A Festa do Queixo non só pon en valor o noso produto, senón que tamén contribúe a dinamizar Vilalba, atraendo cada ano a centos e mesmo milleiros de persoas que se achegan á nosa vila para gozar da gastronomía, da música e do ambiente que se vive durante esta fin de semana”.

Por iso, a alcaldesa convidou á veciñanza e a todas as persoas que visiten a comarca a participar nesta edición especial. “Agardamos que esta trixésima edición sexa unha gran celebración colectiva arredor do queixo San Simón da Costa e que Vilalba volva demostrar que sabe coidar e celebrar as súas tradicións”.